Ana Pontón: “O referendo é unha proba de lume para o Estado que recorta dereitos e liberdades”

Manifestación Plataforma Galiza con Catalunya
Manifestación Plataforma Galiza con Catalunya

O BNG secunda a manifestación convocada pola plataforma Galiza con Catalunya a favor da celebración do referendo

A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación convocada pola Plataforma Galiza con Catalunya en Santiago, baixo o lema Democracia é decidir, en apoio á celebración do referendo e do dereito da sociedade catalá a votar para elixir libremente o seu futuro.

“Estamos aquí para defender a democracia e o dereito a decidir, porque o Goberno de Rajoy pasou todas as liñas vermellas entrando nunha deriva autoritaria, reaccionaria que se traduce nunha agresión aos dereitos civís máis fundamentais”, salientou Pontón ao inicio da marcha.

Manifestación Plataforma Galiza con Catalunya“É evidente que o que está pasando en Catalunya fai tempo que se converteu nun debate que nos afecta a todos e a todas, porque xa non se trata só de independencia si ou independencia non, senón que está en xogo é a democracia, os dereitos civís e fundamentais e, ante iso, non podemos quedar cos brazos cruzados”, recalcou. “Que teme Rajoy para non permitir que se vote”, interpelaba.

Para a dirixente do Bloque non se pode criminalizar o lexítimo desexo dunha cidadanía que reclama o seu dereito a decidir “e como demócratas e nacionalistas imos sempre defender ese dereito a decidir”, e resulta “grotesco” ver un Goberno “perseguindo” urnas e papeletas ao tempo que recorta dereitos e liberdades “son as dúas caras da mesma moeda”.

“Por iso, as persoas que nos indignamos polos recortes laborais, da sanidade, polo rescate da banca ou polo roubo de dereitos, temos a obriga de estar na rúa reclamando que as persoas podan decidir libremente o seu futuro”, argumentou.

O referendo de catalá “é unha proba de lume para a democracia no Estado que nos está demostrando como os corsés constitucionais van en contra dos dereitos e das liberdades”, alegou Pontón, que trasladou ao pobo catalá unha mensaxe de apoio e solidariedade. “Que saiban que non están sós”, proclamou, “e dicirlle ao Goberno e ao PP que non aceptamos que se soterren as liberdades e que a única saída consiste en que o pobo catalá vote en liberdade”.

Manifestación Plataforma Galiza con CatalunyaDelegación Executiva nacional

O Bloque vai ter presenza directa en Catalunya este domingo a través dunha delegación da Executiva nacional que actuará como observadora do proceso e fará seguimento da xornada. Esta delegación estará integrada por Ana Miranda, Montse Prado, Eva Vilaverde e Rubén Cela, quen visitarán distintos colexios electorais na cidade de Barcelona, desprazaranse ás sedes das forzas políticas que promoven e apoian o referendo e, finalmente, seguirán o reconto dos datos.

A formación nacionalista confía que a xornada descorra con normalidade para que o pobo catalán poda expresarse con total liberdade nas urnas. Precisamente para facer unha valoración do referendo, o Bloque adiantará a mañá do día 2 de outubro a habitual reunión da Executiva nacional dos luns, para analizar como transcorreu a xornada do referendo e facer a correspondente valoración política.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG