Parlamento Galego

Ana Pontón reclama no Pleno do Parlamento a intervención pública de Alcoa

“Esa intervención pública é posíbel, viábel e legal; só fai falta vontade política”, afirma

A portavoz parlamentar do BNG, Ana Pontón, reclamoulle no Pleno ao presidente da Xunta “que non escorra o vulto e traballe xa pola intervención pública da factoría de Alcoa para salvar o emprego e a actividade industrial na Mariña.

Na intervención plenaria trasladoulles aos traballadores e ás traballadoras de Alcoa, das auxiliares e á xente da Mariña, todo o apoio, a solidariedade e a admiración, “porque durante estes meses están dando un exemplo de unidade, de compromiso e de dignidade, deixando claro que non van permitir que unha multinacional enterre o seu presente e o seu futuro”

“Os traballadores e as traballadoras e a comarca estiveron á altura; agora é o momento de que Xunta e Goberno central dean a talla, porque estamos no tempo de desconto e xa non valen os panos quentes, nin as declaracións de intencións”, afirmou Ana Pontón.

Ana Pontón traballadores de ALCOAAlcoa ten unha folla de ruta perfectamente definida: quere pechar a fábrica de aluminio primario porque non quere competencia. “É evidente que a multinacional actuou de mala fe, con prepotencia e con chulería e desprezo pola Mariña e por Galiza, atrevéndose a darlle un plante ao Estado e á Xunta”, sinalou. “E a resposta ante este desplante debe ser clara e contundente, porque chegados a este punto, de nada valen as declaracións, nin ter unha actitude morna e indecisa; é necesario pasar á acción”, engadiu.

Deste xeito, reclamou que a Xunta actúe xa mediante unha intervención pública para garantir a produción e salvar os postos de traballo e toda unha comarca. “Porque se pecha Alcoa, non só van á rúa mais de mil traballadores, asina a acta de defunción da Mariña”, destacou.

Segundo explicou Ana Pontón, “esa intervención pública é posíbel, viábel e legal; só fai falta vontade política”. “A mesma que tivo o Goberno Italiano para salvar unha fábrica similar en Cerdeña ou a mesma vontade que tivo Merkel en Alemaña para nacionalizar Lufthansa”, destacou. Ademais puxo como exemplos o rescate da banca con 90.000 millóns de euros ou o rescate das radiais madrileñas con 5.000 millóns de euros.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG