PARLAMENTO GALEGO

Ana Pontón propón que as universidades galegas piloten proxectos financiados con cargo ao fondo europeo Next Generation

Comisión reconstrución
Comisión reconstrución
Demanda unha bolsa COVID para evitar que haxa alumnado que renuncia a seguir cos estudos por falta de medios das súas familias nesta crise
Ana Pontón propón que as universidades galegas piloten proxectos financiados con cargo ao fondo europeo Next Generation

A portavoz nacional, Ana Pontón, agradeceu a comparecencia na Cámara dos reitores das tres universidades galegas, inédita, e aproveitou para pedir un “diálogo máis fluído” por parte do Parlamento cunha institución “fundamental” para o desenvolvemento do país, máxime nun contexto de pandemia que obriga a afrontar novos retos e a camiñar cara un novo paradigma no económico e no social.

“Se algo nos mostra a pandemia é a importancia da ciencia, do coñecemento, da investigación”, recalcou a líder nacionalista, quen propuxo que precisamente por iso as universidades deben ter acceso ao fondo COVID europeo de reactivación. “Deben liderar proxectos de carácter público que teñan cabida nos criterios definidos para poder ter acceso a eses recursos e, polo tanto, non só apostar pola iniciativa privada, que é necesaria, pero non debe ser a única. No BNG temos a certeza de que as universidades están en disposición de liderar proxectos financiables con cargo ao fondo Next Generation”, salientou Pontón.

En relación ás consecuencias da pandemia sobre o ensino superior, a líder do Bloque fixo un recoñecemento expreso do traballo do persoal das universidades, tanto a nivel docente como administrativo, polo seu esforzo, así como do alumnado, cuxo comportamento cualificou de “modélico” de xeito maioritario, tras censurar o intento do presidente da Xunta de responsabilizar ao estudantado da expansión do virus.

Por contra, instou ao Executivo de Feixóo a facer a parte de traballo que lle corresponde, como por exemplo poñer fin á brecha dixital, que penaliza aos que teñen menos recursos ou aos que viven en zonas con menor cobertura, “cando os servizos dixitais a día de hoxe deben ser considerados como servizos básicos igual que a auga ou a luz”.

A líder do Bloque tamén chamou a atención sobre as consecuencias económicas da pandemia para as familias e, neste sentido, propuxo a creación dunha bolsa COVID á que poda acceder o alumnado e evitar que ninguén quede sen renovar matrícula por falta de recursos ante o contexto de crise actual.

O BNG tamén considera escasos os 3 M€ anunciados pola Consellería de Educación como partida extraordinaria, tendo en conta que Catalunya ou Valencia, por exemplo, habilitaron máis de 20 M€. Ademais, Pontón lembrou o déficit de financiamento que arrastran as universidades galegas, subliñando o valor engadido que aportan a sociedade, -por exemplo en investigación básica que permite estar en proxectos de elaboración dunha vacina contra a COVID-, “que non serían capaces de facer co financiamento acaído?”, interpelou.

Neste sentido, reclamou un novo plan de financiamento que lles permita posicionarse ante os novos retos, aumentar ao longo da próxima década até o 3% do PIB os recursos destinados a I+D+i, a creación dun instituto galego da ciencia e da investigación similar ao Ikerbasque ou ao ICREA, desenvolver a carreira do investigadxr para acabar coa precariedade e incorporar a perspectiva de xénero para evitar discriminación ou dificultar o traballo de investigadoras e científicas.

 

Ana Pontón propón que as universidades galegas piloten proxectos financiados con cargo ao fondo europeo Next Generation