Ana Pontón propón para o sector primario axudas extraordinarias, fixar un prezo máximo da luz e evitar a venda a perdas

Ana Pontón
Ana Pontón

Para o sector do transporte o BNG propón que o Estado estableza un prezo máximo para os carburantes en niveles anteriores á escalada inflacionista e a rebaixa nas peaxes en todas as autoestradas galegas

Crítica que Feixóo siga de campaña en modo presidente ausente cobrando un salario dos galegos e galegas pero sen atender ós problemas do País

A portavoz nacional, Ana Pontón, citou aos medios nunha estación de servizo para explicar as propostas do BNG en relación á escalada de prezos, tendo en conta que os carburantes entraron na espiral inflacionista que está impactando de cheo nas familias, nas empresas e en sectores produtivos clave como a agricultura, a pesca e o transporte.

“A escalada de prezos segue imparable: luz, gas, carburantes, cun IPC marcando cifras que non se vían en décadas, de feito, hai que remontarse a 1992 para encontrar un aumento de prezos do 8%, como o que rexistro Galiza no último mes, aumento dos prezos que empobrece ás familias, afecta á competitividade das empresas e pon contra as cordas a moitos sectores produtivos que apenas empezaban a saír da crise”, indicou Pontón.

Precisamente no impacto nos sectores produtivo puxo o foco Pontón, con propostas encamiñadas a paliar os efectos da inflación nas explotacións agroganderias, na frota pesqueira que empeza a amarrar ou no transporte por estrada, “sectores que foron fundamentais durante a pandemia” pero que volven estar ó límite coa subida do gasóleo, da factura eléctrica ou co aumento de prezos en moitas das materias primas imprescindibles para a súa actividade, por exemplo os pensos no sector primario.

“A este ritmo e sen tomar medidas eficaces e urxentes, cantos negocios van verse forzados a baixar a persiana, cantas explotacións leiteiras están en risco, cantos barcos pesqueiros van quedar amarrados ou cantos transportistas van deixar o seu camión aparcado?”, interpelaba a portavoz nacionalista, antes de dar paso ás medidas que o Bloque pon sobre a mesa.

Para empezar, que se cumpra a Lei da cadea alimentaria e se impida a venda a perdas no sector agrogandeiro, para o que tamén o BNG propón a compra pública de pensos para garantir un abastecemento a prezos razoables; fixar un prezo máximo para a electricidade no sector primario e axudas extraordinarias ao sector gandeiro e pesqueiro a través do que se coñece como axudas mínimas, ás que non superan os 200.000 €, e que poden ser en forma de subvencións, préstamos ou deducións. Igualmente, no paquete de medidas destinadas ao sector primario, manter as bonificacións ao combustible da frota pesqueira.

En relación ós carburantes, o Bloque demanda que o Estado garanta o prezo dos hidrocarburos no límite que existía antes da escalada de prezos; a rebaixa de xeito temporal dos impostos a gasolina e gasóleo, distinguindo entre consumo doméstico e profesional, e reducir as peaxes en todas as autoestradas tanto as de competencia estatal como autonómica.

No que afecta á factura da luz, a formación nacionalista reclama unha actuación inmediata sobre o mercado enerxético, “poñendo fin ós beneficios caidos do ceo” que están derivando en plusvalías multimillonarias para o lobby eléctrico, e a posta en marcha da tarifa eléctrica galega que permita as familias e as empresas beneficiarse de ser Galiza rica en electricidade.

E no medio desta crise de prezos, que da outra volta de torca á situación económica derivada da pandemia, a líder do Bloque critica que o aínda presidente da Xunta siga de campaña electoral do PP mentres sectores produtivos enteiros están nunha situación límite.

“Pero en vez de estarse ocupando dos problemas dos e das galegas, Feixóo segue en campaña electoral para unhas eleccións do PP ás que só se presenta el. É evidente que a súa prioridade é o seu partido popular e as súas liortas internas e non Galiza, de tal xeito que se até o momento tiñamos un Goberno do PP e un presidente incapaz de dar solucións ós problemas do País agora temos un presidente ausente que sigue cobrando o seu salario dos galegos e das galegas mentres anda de mitins por España adiante”, recriminou Pontón.

Galiza “non se merece” este desprezo cando máis necesita un “goberno que tome decisións e se poña á fronte para poder dar alternativas a crise derivada da alza de prezos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG