PARLAMENTO GALEGO

Ana Pontón propón que todas a persoas que o pidan sexan atendidas de xeito presencial en Atención Primaria

Ana Pontón
Ana Pontón

“É un dereito que se perdeu co Goberno de Feixóo e que os galegos e as galegas deben recuperar, sen filtros nin obstáculos”, proclama

Propostas do BNG: investimento de choque de 200 M€, contratación de profesionais para os centros de saúde e aumentar o orzamento de primaria

Ana Pontón propón que todas a persoas que o pidan sexan atendidas de xeito presencial en Atención Primaria

“Cando vai o seu Goberno levantar as restricións e permitir que os galegos e as galegas volvan pedir cita presencial con normalidade co seu médico ou médica de cabeceira, señor Feixóo?” Con esta pregunta a portavoz nacional, Ana Pontón, abría a sesión de control ao presidente da Xunta onde tratou unha das cuestións que máis preocupan á cidadanía: o deterioro de atención primaria e, moi en concreto, as trabas para conseguir unha consulta presencial.

“Vostede converteu a cita presencial nunha carreira de obstáculos: hai listas de espera de até 21 días, as consultas presenciais están limitadas por cupo e para conseguir cita hai que ir ao centro de saúde, facer cola e cruzar os dedos para que haxa algunha libre. Pode explicarnos como fai unha persoa maior, que viva soa, que se levante enferma para sortear todos eses obstáculos? E non lle digo nada se vive no rural”, interpelou a líder nacionalista.

Neste contexto, Pontón propuxo ao xefe do Executivo unha batería de medidas a favor da atención primaria “co obxectivo de recuperar un dereito que se perdeu co seu Goberno: que todos os galegos e as galegas que o pidan sexan atendidas de xeito presencial sen filtros nin obstáculos, como sempre foi o como debe volver ser”.

Entre as propostas do Bloque, un investimento de choque de 200 M€ para reforzar o que, até a chegada de Feixóo, era a xoia da sanidade pública e columna vertebral do sistema, pero que agora está colapsada tras doce anos de estratexia popular de “acoso e derribo”.

“É tal o disparate que a súa proposta non é como reforzar os centros de saúde senón onde coloca o listón dos recortes, e por iso confórmase con acabar o ano cun 60% de consultas presencias. Que pasa co outro 40%, non pode enfermar, ten que ir a urxencias ou á sanidade privada quen poida pagala? Porque teño que dicirlle que a súa estratexia de recortes é a mellor campaña comercial que podería desexar a sanidade privada”, denunciou Pontón.

Completan as propostas do BNG un plan de recursos humanos para dotar aos centros de saúde de todo o persoal necesario: enfermeiros, médicas, administrativos, pero tamén outros profesionais como psicólogos clínicos ou psicoterapeutas.  Igualmente, acabar coa precariedade contratando todas as prazas vacantes no sistema público de saúde e elevar o orzamento de atención primaria até situalo no 25% do presuposto total do SERGAS ao longo da lexislatura, fronte ao 15% actual.

A portavoz do Bloque puxo en valor o traballo e o compromiso dos e das profesionais da sanidade pública e reclamoulle ao presidente da Xunta que, se realmente ten “respecto” polo persoal sanitario, “o que debe facer é escoitalo, acabar coa precariedade, reforzar os cadros de persoal nos centros de saúde e abandonar os recortes”. A líder nacionalista instou ao xefe do Executivo a rectificar a súa política de desmantelamento da sanidade pública, “porque a saúde da cidadanía debe estar por riba de todo”, concluíu.

Ana Pontón propón que todas a persoas que o pidan sexan atendidas de xeito presencial en Atención Primaria