Ana Pontón propón un modelo de financiamento con ambición de País e xusto, desterrando a falsa idea de que Galiza é pobre

Ana Pontón
Ana Pontón

“Feixóo ten que deixar de ser o apóstolo do centralismo porque as galegas e os galegos están fartos de que  cos seus imposto se enriquezan outros territorios”

Propón un modelo no que Galiza gane o que pasa por conseguir soberanía fiscal e financeira: “Feixóo ten que deixar de ser apóstolo do centralismo”

En véspera de que bote a andar a comisión parlamentaria para un novo modelo de financiamento, a portavoz nacionalista, Ana Pontón, avanza as catro premisas coas que o BNG encara ese transcendental debate: ambición de País, desterrar a falsa idea de que Galiza é pobre e vive do Estado, darlle a Galiza un modelo de financiamento xusto e conseguir as máximas cotas de soberanía financeira.

“O BNG vai a esta comisión cun propósito: que Galiza gane”, sintetizou Pontón, e para iso o novo modelo ten que aportar soberanía fiscal e financeira, ben a través dun concerto económico como o que teñen Euskadi e Navarra ou, cando menos, ampliando ao 90% a cesión do IVE e do IRPF, a cesión do imposto de sociedades e que tributen no País as empresas que teñan actividade económica aquí, “basta de contaminar en Galiza e pagar os impostos en Madrid”, recalcou.

A idea é darlle a volta ao modelo actual, de tal xeito que os impostos se recaden no País, se establezan as prioridades de gasto e investimento e despois se fagan contas co Estado. “En definitiva, hai que superar o centralismo que é letal tamén no ámbito fiscal e de financiamento”, recalcou, por iso, a comisión parlamentaria debe servir para un cambio de rumbo que poña fin a discriminación.

“Temos dereito a que os impostos que pagamos aquí se usen aquí, para reforzar os servizos públicos, para potenciar os nosos sectores produtivos, para darlle futuro á xente moza, para garantir unha vellez digna”, argumentou Pontón, “porque os galegos e as galegas están fartas de que os seus impostos sirvan para enriquecer a outros territorios e que por riba nos digan que somos pobres e que precisamos de papa Estado. Feixóo ten que deixar de ser apóstolo do centralismo e abordar o novo modelo de financiamento con ambición, espero que non que vaia á comisión a vendernos a moto do centralismo”.

A líder nacionalista tamén amosou a súa preocupación polo incremento de casos COVID e a aparición de novas variantes, e fixo un chamamento a completar a vacinación ao tempo que apelou á responsabilidade e á solidariedade dos países con máis medios e máis recursos, porque para loitar contra a pandemia é necesaria unha estratexia global de vacinación.

A preguntas dos medios, Pontón lamentou a “obsesión” de Feixóo por facerlle oposición ao BNG: “Estamos ante o PP máis ultra da historia e ante o presidente máis inútil incapaz de poñer sobre a mesa solucións ós problemas de Galiza, un Feixóo obsesionado co avance do BNG que ven ao Parlamento a traer bronca e ruído”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG