Ana Pontón propón mobilizar 700 M€ nun paquete de medidas para axudar a familias e empresas ante a suba de prezos pola guerra

Ana Pontón e Olalla Rodil

Axudas directas para os sectores máis afectados, liña de crédito para as PEMES e un escudo social galego, entre as medidas que reclama o BNG

“Para un gandeiro encher o tractor é hoxe un 50 % máis caro. Pero onde están as súas propostas, señor Rueda? Por unha vez estea á altura”

Mobilizar 700 millóns de euros nun paquete de medidas para apoiar ás familias e ós sectores máis afectados pola suba dos prezos derivada da guerra ilegal contra Irán. Esta foi a proposta feita pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na sesión de control ao Parlamento, na que acusou a Rueda de “deixar na estacada” ós galegos e ás galegas porque, un mes despois do inicio dos bombardeos e das súas gravísimas consecuencias “segue de brazos cruzados” e sen aprobar medidas.

“Cando hai problemas, o presidente da Xunta non está nin se lle espera”, asegurou Pontón, reclamándolle a Rueda que, por unha vez, “estea á altura”. “As familias non poden seguir agardando”, advertiu, para lembrar que, mentres a Xunta segue sen reaccionar,  o Goberno de Cataluña xa aprobou 400 millóns en axudas, o País Vasco activou un escudo con 1.047 M€ e Murcia deu luz verde a un plan de 877 M€ en axudas.

Pontón advertiu que o anuncio feito por Rueda hoxe “non vai chegar absolutamente para nada” e recomendoulle “copiar” as medidas do BNG, que inclúen axudas directas para os sectores afectados e habilitar unha liña de crédito para PEMES ante a suba de prezos.  Propón ademais un “escudo social galego” que inclúa un bono de transporte universal por 30 € ao mes, duplicar o complemento autonómico para as pensións máis baixas ou levantar as peaxes das autoestradas da Xunta.

A portavoz nacional comezou a súa intervención condenando en nome do BNG a guerra do “tándem criminal” Netanyahu-Trump e proclamando o  “Non ao imperialismo,  non á guerra”. Unha guerra que o PP “xustifica” e que, advertiu, está sendo “un gran negocio para unha presa de multinacionais do petróleo pero un desastre para as familias e para a clase traballadora”.

“Onde están as medidas do seu goberno?”, interpelou a Rueda, a quen recriminou non ter feito “nada de nada” malia os efectos das bombas no peto dos galegos e as galegas. “Encher o tractor chegou a ser un 50 % máis caro e estamos falando de 24 millóns de litros de gasóleo agrícola cada mes”, exemplificou.

Pontón convidou así mesmo o xefe do Executivo a pensar nas familias que afrontan unha cesta da compra cada vez máis cara ou nunha explotación gandeira á que este mes lle van reducir o prezo do leite e que xa ten que pagar máis polo combustible, os fertilizantes ou os pensos. “Bote contas, señor Rueda, porque ás gandeiras e gandeiros, á xente do mar non lle saen os números; bote contas porque ás familias tampouco lles dan os salarios e cada vez teñen máis dificultades para chegar a fin de mes porque todo sube, incluída os alimentos máis básicos”, emprazoulle.

Na quenda de réplica, Pontón afeoulle a Rueda que de novo “botase man de ETA”, nunha mostra máis do seu “escapismo” cando se trata de falar dos problemas reais e que de verdade preocupan as galegas e galegos. “Parece que a botan de menos”, lamentou a líder nacionalista, que aproveitou para, máis unha vez, deixarlle claro ao “bulopresidente” que “o BNG condena todas as guerras e todos os ataques á soberanía doutros países, incluída a de Ucraína”.

“Veremos se vostedes, señorías do PP, condenan ou non a invasión de Irán e se se poñen do lado correcto da historia ou seguen do lado equivocado que representa esa foto fixa dos Azores”, engadiu aludindo a iniciativa presentada polo BNG neste Pleno para rexeitar a guerra imperialista dos Estados Unidos e Israel en Oriente Próximo. Finalmente, o Partido Popular, votou en contra da iniciativa nacionalista e foi incapaz de condenar a guerra criminal en Oriente Medio.