Ana Pontón propón un investimento 320 M€ en proxectos de ciencia e innovación con cargo aos fondos europeos de recuperación

Presentación Vigo

Entre os proxectos do Galiza Next, un Consorcio de investigación mariña con sede en Vigo que sexa un referente para o complexo mar-industria

Innogal, plan de captación e retorno, dixitalización de todos os campus e aposta pola investigación biomédica e situar o investimento no 2,5% do PIB

BNG presentou en Vigo os proxectos no ámbito da ciencia e da innovación incluídos no seu programa Xerar Futuro, Galiza Next cun investimento de 320 millóns de euros financiables con cargo aos fondos europeos de recuperación.  O obxectivo é sentar as bases dun novo modelo económico verde, vangardista e con capacidade de xerar emprego de calidade aproveitando todo o potencial do País.

“Antes da COVID xa era urxente apostar pola ciencia e a investigación para ter unha Galiza con futuro, pero a pandemia deixou en evidencia con toda crueza que un modelo baseado case en exclusiva no sector terciario non era o camiño correcto”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa presentación.

Por iso, o BNG propón crear un auténtico ecosistema de investigación e innovación  que facilite a integración da ciencia e a tecnoloxía empresarial e que, ao mesmo tempo, fortaleza a universidade como centro de transferencia de I+D+i. A líder nacionalista sintetizou os proxectos para conformar ese ecosistema científico.

En primeiro lugar, poñer en marcha o INNOGAL, un centro público de innovación que promova e coordine toda a I+D+i, similar ao Ikerbasque ou ao ICREA. Un centro que faga tamén un papel de captación e retención de talento investigador, cun Plan de captación e retención do talento que emigrou, ademais de definir a carreira profesional investigadora como antídoto contra a precariedade.

Unha fenda á que tamén aludiu a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda: “capital humano formado aquí enche centros de investigación, empresas e universidades en todo o mundo, unha situación que se agravou coa chegada do Goberno do PP e a súa política de recortes, de tal xeito que se o gasto en I+D+i seguise ao mesmo ritmo, Galiza precisaría vinte anos para chegar á media estatal e 80 para chegar á medida da UE”.

A segunda peza dese ecosistema é fortalecer o sistema de I+D+i nas universidades, “por ser o máis importante foco de ciencia e investigación e da súa transmisión ao sector económico público e privado”, explicou, empezando pola dixitalización de todos os campus, “porque a universidade ten que introducir cambios estruturais e funcionais que lle permitan cumprir os obxectivos que a sociedade reclama”. Neste ámbito, o BNG aposta por potenciar os viveiros de empresas de base tecnolóxica, -as denominadas spin-off-, empresas a partir das ideas xurdidas dos grupos de investigación na universidade en calquera dos seus centros.

Como terceiro piar dese ecosistema científico, o impulso da investigación biomédica partindo dos centros de referencia cos que xa conta Galiza. E tamén inclúe a creación dunha empresa público-privada de fabricación de material de laboratorio para abastecer aos grupos, centros e institutos de investigación.

Camiñar cara ao 2,5% do PIB en ciencia e investigación

“Galiza ten que apostar pola ciencia e a investigación como base para desenvolver un novo modelo económico e para iso  hai que poñer en marcha unha auténtica revolución científica con medios materiais e humanos”, explicou Pontón, e para iso o Bloque formula un horizonte financeiro: incrementar os recursos á ciencia até acadar o 2,5% do PIB e situar Galiza á altura dos países máis avanzados do noso entorno.

Pontón tamén salientou o  proxecto de rexeneración produtiva das rías, cun investimento de 1.096 M€, centrándose na parte de I+D+i. Neste sentido, BNG propón a creación dun Consorcio de Coordinación da investigación mariña con sede na futura ETEA, por entender que Vigo é a ubicación idónea para este consorcio de investigación mariña pola súa tradición con mar, pola súa identidade ligada ao complexo mar-industria.

“Vigo non se entende sen o complexo mar-industria e o futuro dese complexo pasa pola ciencia e pola investigación”, indicou Pontón, quen avanzou que este consorcio seria o maior complexo científico e tecnolóxico europeo de investigación do mar. O seu labor: o estudo da contaminación e o cambio climático en relación co mar e as rías, usos de produtos do mar e de analizar o seu potencial en áreas como a alimentación, estética, biomedicina, biomateriais; a I+D+i en relación coa construción naval, apoio a sectores produtivos relacionados co mar ou desenvolver sistemas de obtención de datos e mediante big data.