PARLAMENTO GALEGO

Ana Pontón propón implantar no sistema educativo unha materia de igualdade específica e obrigatoria que eduque contra a violencia machista

Ana Pontón
Ana Pontón

“Educación, educación e educación en igualdade, debe ser a prioridade”

Medidas: retirar a custodia das fillas e fillos en caso de maltrato, avaliar o risco para as e os menores en casos de violencia machista e máis puntos de encontro familiar

O BNG espera que a Lei de violencia vicaria quede aprobada en xuño

Ana Pontón propón implantar no sistema educativo unha materia de igualdade específica e obrigatoria que eduque contra a violencia machista

Cos ecos do último caso de violencia machista e da cascada de mulleres vítimas do terrorismo de xénero en apenas dúas semanas, a portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG traballa, xunto co resto de grupos da Cámara, para que a proposición de lei de violencia vicaria impulsada pola formación nacionalista quede aprobada en xuño antes de finalizar o actual período de sesións.

“Esta lei debe servir para reforzar a loita contra a violencia e xénero, alega Pontón, centrándose no elo máis débil da cadea como son os e as menores e por iso a lei debe acompañarse de máis recursos, tanto na prevención como na protección”, indicou.

Pero xunto coa petición de máis medios, a líder nacionalista puxo o foco na educación como ferramenta imprescindible para combater a violencia contra as mulleres, e por iso o BNG propón implantar no sistema educativo unha materia específica e obrigatoria en igualdade que sensibilice e eduque contra a violencia machista: “educación, educación, educación en igualdade debe ser a máxima prioridade”, recalcou a líder do Bloque, quen fixo un recoñecemento expreso ao traballo que realiza o persoal docente, “pero hai que reforzar esa liña de actuación”.

Igualmente, apela a unha maior implicación dos medios de comunicación, en particular os de titularidade pública, que debería ter na súa programación de maneira permanente e intensiva campañas, programas e contidos específicos que sensibilicen contra a violencia de xénero e promovan a igualdade. “Cando temos violencia contra as mulleres a diario polo feito de selo e asasinatos machistas é evidente que non estamos facendo suficiente e que algo está fallando, por iso urxe redobrar esforzos”, salientou.

No terreo da protección, Pontón parte da evidencia de que “un maltratador non é un bo pai”, e hai que modificar a lexislación para que cada vez que haxa un caso de violencia machista desde a xustiza se revise o réxime de custodia e de visitas “tendo claro que un maltratador non é un bo pai e o primeiro é a protección dos menores”, recalcou.

Igualmente, entre as medidas, o Bloque propón revisar os protocolos dos puntos de encontro familiar e crear un mecanismo específico para valorar o nivel de risco no que se poidan atopar os fillos e fillas das mulleres que sofren violencia machista. E, ao mesmo tempo, aumentar os puntos de encontro “porque a día de hoxe só existen nas cidades e  iso implica que, por exemplo, unha nai que vive en Burela ou na Fonsagrada ten que facer un sobre esforzo desprazándose a Lugo e moitas veces non poder ter acceso a un servizo que é importante nesa situación de violencia machista”, concluíu.

 

Ana Pontón propón implantar no sistema educativo unha materia de igualdade específica e obrigatoria que eduque contra a violencia machista