Ana Pontón propón a Feixóo unha axenda de país e pide non use Galiza como arma de oposición á Madrid

“O importante non é vostede senón a xente que vive aquí e agora que non está refén do PP, demostre que non se queda só para ocupar Montepio”

AP9, modernización ferrocarril, dependencia, concerto económico, tarifa eléctrica e novo marco para Galiza, propostas da axenda galega do BNG

Pechado “o culebrón” no que durante quince días tivo a Galiza pendente da súa axenda persoal, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control para propoñer ao presidente da Xunta unha axenda galega con temas claves para defender como país ante o Goberno do Estado.

Cuestións cruciais para o futuro que o PP vetou de xeito sistemático co apoio cómplice de Feixóo. “Galiza nunca estivo ausente, nin quieta nin calada, foi vostede quen estivo dez anos ausente, calado e quieto, antepoñendo os intereses do PP aos intereses dos galegos e das galegas”, salientou Pontón, retrucando unha cita do presidente do PPdeG durante o seu anuncio de renuncia a postularse a suceder a Raxoi.

A dirixente nacionalista interpreta esa declaración como un recoñecemento “da década de servilismo a Madrid e a intención de facer propósito de emenda”, pero salientou que o BNG non vai permitir “ningunha farsa” utilizando Galiza como arma de confrontación partidista.

“Espero que a súa maneira de dar carpetazo aos anos de servilismo non sexa utilizar Galiza como arma do PP para facer oposición en Madrid, espero que non sexa utilizar Galiza como un pim pam pum porque están enrabiados por perder o poder”, advertiu, “porque  iso sería repetir a política máis vella de todas,  que consiste en defender unha cousa en Galiza e a contraria en Madrid,  que consiste en dicir unha cousa cando gobernan os seus e a contraria cando están na oposición”.

Se quere demostrar “que quere mudar de rumbo e empezar a dar a cara por este pobo, súmese a axenda galega que propón o BNG para defender ante o Goberno do Estado, axenda que debe incluír todos os asuntos até agora vetados polo PP”.

Como prioridades desa Axenda galega 2020, a transferencia da AP9, -“se hoxe non podemos beneficiarnos da extinción das peaxes como outros territorios é porque vostede e Aznar apuntalaron a estafa ata o 2048”-, derrogación da prórroga de ENCE, concerto económico, modernización do ferrocarril tanto coa chegada da alta velocidade como o servizo de cercanías, tarifa eléctrica propia e reclamar os 180M€ que o Estado debe en dependencia.

Igualmente, a devolución do Pazo de Meirás, medida de gran simbolismo democrático, e evitar que Galiza quede atrás no debate das nacións, “fagamos unha proposta  ambiciosa de novo marco político que nos dea capacidade real de decidir nos asuntos claves para o país”, propuxo.

Manipulación CRTVG

Pontón lembroulle a Feixóo que non é o centro do mundo, por moito que os medios públicos constrúan un relato á súa medida instalados nunha realidade paralela, “unha utilización da CRTVG que levou a dimitir a un presentador e unha presentadora precisamente para denunciar esa manipulación”, criticou.

“O importante non é vostede é a xente que vive neste país e ao longo do seu mandato foi incapaz de facer nada en positivo, tivo cero propostas para Galiza. Ten a oportunidade, agora que non está refén do seu partido en Madrid, de demostrar que está aquí para algo máis que ocupar esa cadeira (na bancada azul) e para ocupar a residencia oficial de Montepio”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG