Ana pontón propón consensuar unha axenda de temas de país para acabar coa discriminación con Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón: “Que haxa unión como galegos e galegas para defender o que é xusto fronte ao Estado creando unha ponencia no Parlamento para definir os grandes temas de país”

Galiza precisa máis capacidade de decisión cun novo marco político que a defina como nación e aporte novas ferramentas para avanzar

Ana pontón propón consensuar unha axenda de temas de país para acabar coa discriminación con Galiza

O BNG arranca o curso político reiterando a urxencia de que Galiza recupere peso político no Estado propoñendo a creación dunha ponencia parlamentaria para consensuar unha axenda de temas de país para defender en Madrid. Unha axenda galega que conxure o círculo vicioso da discriminación das forzas estatais, que mudan o discurso segundo están no goberno ou na oposición.

“Queremos que haxa unha unión como galegos e galegas para defender aquelo que é xusto e ao que temos dereito fronte ao Estado”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, “por iso queremos propoñerlle ao resto das forzas políticas a creación dunha ponencia no Parlamento para abordar eses grandes temas que temos que defender ante o Estado co compromiso claro de que os intereses de Galiza van estar por riba dos intereses partidistas”.

A dirixente nacionalista xa avanzou cales son para o BNG algúns dos temas que debería incluír esa axenda galega.

A transferencia da AP9, a crise demográfica,  a atención á dependencia reclamando do Estado os 182 millóns de euros que debe a Galiza, máis fondos para frear a emigración xuvenil e para loitar contra a violencia de xénero, -por citar cuestións claves no ámbito social-. A axenda galega tamén pasa polas infraestruturas, non só a chegada do AVE e a mellora das cercanías, senón tamén pola transferencia dos portos de interese xeral, “cos que o Estado está a facer caixa pero aos que discrimina en materia de investimentos”.

Igualmente, a supresión da “inmoral” prórroga de ENCE ou a devolución ao pobo galego do Pazo de Meirás deben estar entre as cuestións a defender ante o Estado nesa axenda galega que o Bloque considera vital para acabar coa discriminación de Galiza, hoxe practicamente ausente do debate estatal grazas a un presidente da Xunta “pasota e desganado” que mesmo parece aburrido da súa responsabilidade como xefe do Executivo.

“Escoitamos a Pablo Casado confesar como Feixóo o chama sempre para ofrecerse para saber que é o que pode facer polo PP. Pois que pense menos nos seus intereses partidistas e máis non intereses dos galegos e das galegas, porque non podemos ter un presidente que pase de ser o recadeiro de Raxoi a ser o recadeiro de Pablo Casado”, ironizou.

Recuperar peso no Estado

E dentro desa axenda galega que propón o BNG, Pontón salientou que tamén debe servir para que Galiza avance na súa capacidade de decisión. “Galiza precisa un novo marco político que nos defina como nación senón e nós dote de novas ferramentas para afrontar os problemas que temos, ferramentas como un concerto económico, -que permita a recadación e xestión íntegra de todos os nosos recursos financeiros-, ou unha tarifa eléctrica que permita abaratar a factura da luz”, salientou a dirixente nacionalista.

“Estamos nun momento importante de cambios no Estado, nun momento evidente de cambio de ciclo, e Galiza non pode seguir desaparecida da política estatal porque iso significa perder oportunidades e temos moito que ganar se confíamos nas nosas propias forza. Este país non pode ser o escenario de pim pam pum para as forzas estatais, cun PP e PSOE que mudan de opinión en función de se están no goberno ou na oposición”, concluíu.