Xerais 2019

Ana Pontón pide ás mulleres que fagan sentir nas urnas a forza do 8M para ter voz feminista e galega da man do BNG

Mulleres BNG
Mulleres BNG

Tres compromisos a defender no Congreso: Xulgados de violencia de xénero en todas as cidades galegas, veto aos ventres de alugueiro e aumentar a un ano o permiso por maternidade e paternidade

Acto simbólico para reivindicar a loita das mulleres ao lado da icónica escultura das Marías na Alameda de Santiago

O BNG quixo que o seu primeiro acto de campaña tivese como protagonistas ás mulleres e as súas reivindicacións de igualdade e dereitos, tras ser as galegas un exemplo de loita protagonizando as mobilizacións máis multitudinarias do Estado con motivo do 8 de Maio. “Unha forza imparable” que a líder do Bloque, Ana Pontón, animou a trasladar ás urnas para que a voz das galegas se faga sentir no Congreso da man do BNG.

“Quero apelar a esa forza das mulleres capaz de  mover o mundo para que este 28 de abril apostemos por un cambio que sitúe a Galiza no mapa, con deputadas que van  dar voz aos intereses, necesidades e a realidade das mulleres do no noso país”, proclamou Pontón, secundada pola candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, e medio cento de responsables políticas e simpatizantes ante a simbólica escultura das Marías na Alameda de Compostela.

O BNG comprometeuse as ser a voz das galegas  e da súa realidade específica: “Para falar das precarias do telemárketing, das redeiras, das mariscadoras, da nosas labregas, das miles de mulleres que queren ter traballo e soportan un mercado laboral con teitos de cristal e, sobre todo, con chans pegañentos, que son a realidade dunha gran maioría. Queremos tirar delas para cambiar as cousas”, salientou Pontón.

A portavoz nacional avanzou os compromisos concretos que as deputadas nacionalistas defenderan no Congreso nun escenario sen maiorías.

En primeiro lugar, conseguir que Galiza teña xulgados específicos de violencia de xénero en todas as cidades galegas e máis medios para combater o machismo. En segundo lugar, compromiso de frear calquera intento de legalizar os ventres de alugueiro, -“nova fórmula de explotación das mulleres”-. Terceiro compromiso, ampliar os permisos de maternidade e paternidade a un ano de xeito intransferible, “porque non podemos permitir que a maternidade siga penalizando o acceso das mulleres ao mercado laboral ou limitando as nosas aspiracións profesionais e moito menos nun país como Galiza coa taxa de natalidade máis baixa de Europa”, explicou.

Nun acto cargado de simbolismo, Pontón apelou “ao 8M, ao coraxe das mulleres para que a partir do 28 de abril teñamos unha forza galega que defenda os nosos intereses”, subliñou, tras lembrar o inequívoco compromiso feminista do Bloque demostrado con feitos.

De Rosalía a Begoña Caamaño

“Foi o BNG cando chegou ao Congreso en 1996 a primeira forza política no Estado en rexistrar unha lei para despenalizar o aborto, e foi tamén quen impulsou en Galiza unha Lei contra a violencia de xénero pioneira que marcou o camiño que, dez anos despois, iniciaron no Estado cun pacto que sigue a orientación trazada polo BNG aquí”.

A dirixente nacionalista reivindicou ás mulleres que loitaron e abriron camiño para conseguir unha igualdade real e plena para as mulleres, “desde pioneiras como Rosalía de Castro, as que participaron na loita antifranquista, as republicanas represaliadas e a todas as mulleres que, desde diferentes ámbitos, contribuíron a fortalecer o feminismo no noso país, chámense Begoña Caamaño, María Xosé Queizán, Pilar García Negro ou Encarna Otero. Todas elas nos conectan cun fío de sororidade que une as mulleres do mundo e que como galegas queremos reivindicar”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG