Ana Pontón pide a Feixóo que paralice a venda especulativa da AP-9, que traerá peaxes aínda máis caras

Ana Pontón
Ana Pontón

Critica que ABANCA pretenda facer caixa cunha infraestrutura básica para Galiza despois de ter recibido 9.000 millóns de euros públicos

Ana Pontón pide a Feixóo que paralice a venda especulativa da AP-9, que traerá peaxes aínda máis caras

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta que defenda os intereses de Galiza e paralice a venda especulativa da AP-9 que, segundo as informacións publicadas, pasa a mans dun novo fondo voitre que se convertería no novo accionista de referencia de Itínere, empresa matriz de AUDASA, que xestiona a autoestrada galega.

“Se eu fose presidente da Xunta paralizaría esta operación porque é o mínimo que pode facer Feixóo, que leva semanas de vacacións e agora vemos que está de paseo, e creemos que non pode estar de brazos cruzados ante unha cuestión de país”, salientou Pontón.

Pese a tratarse dunha infraestrutura clave até agora “Feixóo nin dixo nin fixo nada e pensamos que ten que dar un paso adiante e paralizar esta operación especulativa, porque sabemos que especulación significa peaxes máis caras”, advertiu a dirixente do Bloque. “Vemos como a AP9 está convertida nun gran negocio non só para AUDASA senón tamén para fondos voitre utilizando esta infraestrutura para facer caixa e incrementar os seus beneficios”, denunciou.

Pontón tamén puxo sobre a mesa a pretensión de ABANCA de vender o 23% da súa participación en AUDASA, “é dicir que unha entidade vinculada con Galiza, que obtivo 9.000 millóns de euros públicos, agora pretende malvender as nosas infraestruturas e seguir especulando cunha AP9 clave para este país”.