Ana Pontón pide a Feixóo que “deixe de xogar ao despiste” e concrete se acepta un encontro bilateral coa líder da oposición

Ana Pontón
Ana Pontón

Pregúntase se ten algún problema en reunirse coa portavoz nacional do BNG, como fixo con outros responsables políticos en encontros habituais en democracia

“Que pasaría se Casado pide reunirse con Sánchez e este remite a unha terceira forza política para organizar a súa axenda?, sería ridículo”, alega

A portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao presidente da Xunta que “deixe de xogar ao despiste e deixe de tirar balóns fora” e responda con claridade á petición de reunión bilateral coa líder da oposición, reunión que forma parte da normalidade democrática pero que aínda non se ten producido pese aos nove meses transcorridos desde que en xullo as urnas repartisen responsabilidades políticas.

Pontón responde así por escrito a carta remitida polo presidente galego con data 8M, na que se recollen unha serie de consideracións que, confesa a portavoz nacionalista, suscitaron a súa sorpresa.

“Sorpresa que se volve maiúscula, e dígoo sen a máis mínima ironía, cando leo que o presidente da Xunta remite á terceira forza política para fixar a súa axenda. Imaxino que o mesmo desconcerto sentiría Pablo Casado se Pedro Sánchez lle fixera esa indicación ante unha petición de reunión entre ambos”, alega

E igual de sorprendente resulta, argumenta, que pretenda vincular unha reunión coa líder da oposición ao resultado da Comisión de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural, “como se a portavoz do BNG estivese obrigada a pasar algún tipo de exame previo para un encontro que, insisto, forma parte da normalidade democrática. E aí está a hemeroteca para constatalo”.

Todo isto, “leva a preguntarme se ten vostede algún problema para ese encontro bilateral comigo, que si mantivo no pasado con outros líderes da oposición, se ten algún problema porque agora a líder da oposición é muller, é feminista ou porque é nacionalista”, interpela.

A portavoz do Bloque indica no escrito que son “obvias” as diferenzas políticas entre ambos, “pero iso non debe ser impedimento para que as relacións se desenvolvan desde a seriedade á que nos obriga a responsabilidade que nos outorgaron as urnas. E penso que é de elemental cortesía política contestar con claridade a unha petición de reunión como a que lle formulei o pasado 1 de marzo, mesmo diría de elemental educación”, recalca para pedirlle ao presidente da Xunta unha resposta, “si ou non a reunión bilateral coa líder da oposición”.

Pontón considera que é momento de poñer “luces longas” ante unha crise sen precedentes porque a cidadanía espera diálogo, a posta en común de propostas co fin de tentar puntos de acordo a favor do País.

En relación á Comisión de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural á que fai mención, lembra que o BNG foi impulsor da iniciativa e que, ante o que percibía como certo estancamento,  solicitou a constitución da ponencia para redactar o correspondente ditame.

“Toda a disposición ao acordo nese foro, pero o alcance desa comisión en termos políticos o puxo vostede cando declinou comparecer. E, en termos económicos, cando reservou 30 M€ para medidas de reactivación, apenas un 0,26% do orzamento galego e unha parte ínfima dos 12.600 M€ que o BNG pide para Galiza do fondo Next Generation”, conclúe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG