Ana Pontón pide o apoio para o candidato do BNG á alcaldía das neves para seguir transformando o concello

As Neves 2
As Neves 2

Lembra a gran  capacidade de Xosé Manuel Rodríguez para xestionar un dos momentos máis difíciles do ano 2017, a vaga de lumes que afectou ao 90% do concello  

Salienta a importancia do 28 de abril e 26 de maio para que Galiza teña voz propia no Congreso e nos concellos

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou no acto de presentación do candidato á Alcaldía das Neves, Xosé Manuel Rodríguez para quen pediu “un apoio masivo”  nas eleccións do 26 de maio.

Un alcalde, dixo que soubo estar ao lado da xente no momento máis difícil, cando o lume cercou, vivendas, negocios e o monte e non había medios para sufocar as lapas que arrasaron o 90% do concello. Xosé Manuel, recalcou  Pontón,   “estivo aí  en todo momento, man con man cos veciños e veciñas, día e noite e resolvendo os moitos problemas que ían xurdindo”.

Pero, Xose, como todos e todas o coñecedes, tamén demostrou a súa capacidade para sentar as bases da transformación das Neves, e a partir de maio queremos reforzar ese traballo para mellorar as condicións de vida de todos os veciños e veciñas, “construíndo máis  igualdade e benestar”. Dende o BNG, afirmou Pontón,  queremos  un concello que pensa nas persoas e no seu gran potencial e para iso contamos cun candidato, “honesto, dialógante e próximo”, pero sobre todo, capaz de gobernar con eficacia. Cando o BNG goberna, o concello é transparente e convertese nese  lugar no que os veciños e veciñas poden participar.

As Neves 1O 28 DE ABRIL GALIZA TEN A OPORTUNIDADE DE CONTAR CUNHA VOZ PROPIA CO BNG NO CONGRESO

Pontón tamén salientou que o adianto electoral do 28 de abril é unha oportunidade para iniciar un cambio de ciclo político no que Galiza volva ter “voz propia” e poña fin a unha lexislatura de discriminación e irrelevancia política á que nos conduciron as forzas estatais. “É unha oportunidade para dar un paso adiante e confiar no BNG, tanto neste concello como de cara a ter representación propia en Madrid”. Neste sentido , fixo un chamamento a participar no proceso electoral do 28 de abril e apostar polo BNG para defender Galiza e ter  a alguén en Madrid que “dea a cara pola nosa xente e frear o proceso de involución democrática” que as tres dereitas queren impoñer.

FIXAR POBOACIÓN E MELLORAR OS SERVIZOS PÚBLICOS, RETOS DO BNG NAS NEVES

Pola súa parte, o candidato a revalidar a alcaldía das Neves, Xosé Rodríguez  lembrou que dende o comezo da lexislatura, o BNG  apostou por recuperar a autoestima da cidadanía e “poñer As Neves no mapa”  pero tamén por políticas sociais e culturais   buscando a implicación da mocidade  e a  dinamización cidadán.

As Neves 3O candidato á alcaldía comprometeuse a seguir traballando  na mellora da calidade dos servizos públicos  para  conseguir “fixar poboación estable no concello e evitar o despoboamento nun concello eminentemente rural”. Esa aspiración, dixo, pasa pola mellora dos servizos de transporte do Grupo de desenvolvemento Rural  que integran dez concellos da contorna e que dotaría ao concello das Neves dunha “maior capacidade para  atraer poboación”.

Na súa intervención, Rodríguez  tamén aludiu á Ordenación da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves coa cesión  de un 1 millón de metros cadrados  por parte do concello e que sen dúbida algunha, afirmou,  “atraería tecido industrial que repercutiría positivamente na economía do concello e a súa bisbarra”.

Finalmente, o candidato do BNG  avanzou que entre os retos do concello figura o de converterse nun lugar de atractivo turístico pola súa situación á beira do Miño e proximidade con Portugal e lembrou que As Neves xa está incorporado no Plan Revitaliza impulsado pola Deputación de Pontevedra para o tratamento e reciclaxe do lixo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG