Ana Pontón: "Goberna o consello de ministros e ministras ou os consellos de administración das eléctricas"

Ana Pontón
Ana Pontón

O BNG propón tarifa eléctrica galega, IVE do 4% e declarar a enerxía como ben público fronte á concepción de negocio do lobby eléctrico que ten hoxe

Advirte que o Goberno de Feixóo auspicia un boom eólico que implica un novo espolio dos recursos naturais de Galiza a favor das multinacionais

Ana Pontón: "Goberna o consello de ministros e ministras ou os consellos de administración das eléctricas"

En menos de 24 horas entrará en vigor a nova factura da luz que supón un incremento xeral en plena crise económica que, no caso das economías doméstica, só poderá paliarse a costa de adaptarse a uns horarios que dificulta aínda máis a conciliación laboral e familiar e, no caso das PEMES, supón un lastre para a súa competitividade. Todo isto nunha Galiza que exporta electricidade.

“Se unha familia non quere pagar máis pola luz ten que poñer a lavadora, a prancha, o lavalouzas ou facer calquera tarefa que supoña alto consumo eléctrico a partir das doce da noite, un horario que, se me permitides a ironía, é super, super compatible co descanso e coa conciliación familiar e laboral. E dicir, que se despois dunha xornada de traballo queres aforrar na factura da luz o que tes que facer e non durmir”, criticou a líder nacionalista.

Os cambios na factura da luz tradúcense en que ganan as eléctricas pero perden as familias e as PEMES, o que leva á portavoz do BNG a preguntarse quen toma realmente as decisións de goberno neste asunto de tanta transcendencia social.

“Hoxe moitas persoas pregúntanse quen goberna no Estado, se o Consello de Ministros e ministras ou os consellos de administración das empresas eléctricas que obteñen beneficios multimillonarios e  onde sentan señores que cobran salarios astronómicos a costa de subir a factura a luz familias e pequenas e medianas empresas cando falamos dun servizo básico de primeira necesidade”, interpelou Pontón.

Un cambio nas tarifas eléctricas que en Galiza, ademais, coincide cunha eclosión de peticións para novos parques eólicos, á que o Goberno de Feixóo responde “poñéndose, unha vez máis, do lado das multinacionais e en contra do interese xeral, cómplice do espolio dos recursos naturais do País que supón que os beneficios marchan e os prexuízos quedan”, criticou.

As portas xiratorias co lobby eléctrico “funcionan tanto para o PSOE como para o PP”, denunciou Pontón, ao tempo que poñía sobre a mesa as propostas do BNG nesta materia.

Tarifa eléctrica galega, que lle permita a familias e empresas abaratar a factura da luz tendo en conta que somos un País que produce electricidade a esgalla. En segundo lugar, actuar pola vía fiscal aplicando un IVE super-reducido do 4% en lugar do 21% que se aplica agora dando categoría de luxo ao que é un servizo básico, e tamén no ámbito fiscal suprimir o imposto especial de electricidade.

Pero sobre todo, o BNG propón que a enerxía sexa considerada un ben público e un factor estratéxico da economía se realmente se quere ir ao fondo da cuestión e solucionar o problema da factura eléctrica. Por iso defende unha intervención desde a Administración a través dunha empresa pública de enerxía: “A electricidade ten que deixar de ser o negocio das eléctricas para converterse nun ben público”, sintetizou Pontón.

Cando están en risco miles de empregos no sector electrointensivo, estes cambios que  incrementan a factura da luz cunha serie de colectivos especialmente afectados. Entre eles, ás 500.000 familias que tiñan a tarifa nocturna que desaparece,  cun incremento estimado de até o 30%, ademais de poñerlle patas arriba a organización dos seus horarios.

Castiga tamén ás pequenas explotacións gandeiras, unhas 10.000, posto que as tarefas de alto consumo enerxético nunha explotación gandeira concéntranse nos tramos horarios que pasan a ser máis caros. Penaliza ao sector da hostalería, un dos máis afectados pola pandemia, porque a inmensa maioría dos bares, cafeterías e restaurantes están pechados nas horas de consumo máis barato e abertos nas horas de consumo máis caro.

E prexudica ás persoas consumidoras en xeral que, ou se axusten estritamente aos novos horarios ou verán como se dispara a súa factura da luz.

 

Ana Pontón: "Goberna o consello de ministros e ministras ou os consellos de administración das eléctricas"