Ana Pontón: “Se fose presidenta da Xunta o Goberno do Estado tería na mesa unha proposta de nacionalización para salvar ALCOA”

Manifestación ALCOA
Manifestación ALCOA
“Laiarse como fai Feixóo non vale de nada”, alega, cando están en xogo miles de postos de traballo, a produción nun sector estratéxico e o futuro dunha comarca

A portavoz nacional, Ana Pontón, salientou que a situación extrema na que está ALCOA non se resolve desde o lamento, ni botando balóns fora, posición na que se sitúa o candidato do PP, senón poñendo alternativas viables para salvar o emprego e a produción da factoría de San Cibrao.

“Teño moi claro que se que se eu hoxe fose presidenta da Xunta o Goberno do Estado tería sobre a mesa unha proposta para nacionalizar ALCOA co participación pública da Xunta, acompañada da proposta dunha tarifa eléctrica galega para acabar co espolio enerxético do país e co sen sentido de ter miles de empregos en xogo polos custes enerxéticos cando producimos electricidade a esgalla”, salientou.

“O que non vale é o que está facendo o candidato do PP que simplemente se queda no laio, no lamento e na queixa, cando se necesita unha resposta contundente por parte da Xunta á hora de defender o emprego en ALCOA”, criticou, nun exemplo máis da actitude “escapista” de Feixóo que bota balóns fora cando hai problemas. “Reitero que se eu fose presidenta de Galiza hoxe o Goberno do Estado tería unha proposta de intervención pública encima da mesa, con participación da Xunta para salvar o emprego en ALCOA-San Cibrao e salvar a comarca da Mariña”.

Pontón subliñou que o despido de 534 traballadores previsto para este 25 de xuño “é a antesala do peche”, e que ese despedimento masivo é posible “grazas a contrarreforma laboral do PP que o Goberno PSOE-Podemos non foi quen de derrogar”, ademais de indicar que o problema de ALCOA non xurdiu onte senón que leva anos asomando a cabeza, e agravado desde que o Goberno de Feixó aprobou un marco enerxético que supón a ruína do sector industrial do país.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG