Ana Pontón a Feixóo: “Faga os seus deberes como presidente e convoque as 6.067 vacantes no SERGAS”

Ana Pontón
Ana Pontón

Ironiza sobre o travestismo político que lle fai reclamar agora a supresión da taxa de reposición que aplicou “con devoción” durante dez anos

OPE urxente, plan de choque con 200 M€ adicionais para atención primaria e recuperación das xerencias, propostas inmediatas do BNG

Denuncia que a Xunta falsifica os datos de persoal que ofrece na Cámara

Ana Pontón a Feixóo: “Faga os seus deberes como presidente e convoque as 6.067 vacantes no SERGAS”

A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a sesión de control para reclamar ao xefe do Executivo que deixe a estratexia do escapismo e exerza como presidente para defender a sanidade pública e rectificar a política de recortes e privatizacións que ten a profesionais e cidadanía en pé de guerra.

Pontón parabenizou a Feixóo por pedir agora a supresión da taxa de reposición,  coincidindo co cambio de inquilino na Moncloa, pero pídelle que faga a súa parte para dotar de persoal necesario o sistema público de saúde.

“Recorre ao travestismo político aproveitando o cambio de Goberno no Estado e pide  que se suprima a taxa de reposición que estivo bendicindo mentres gobernou Raxoi. Benvido!”, ironizou. “Ao BNG non ten que convencernos porque levamos dez anos con esa reclamación, pero se quere ter a máis mínima credibilidade empece por facer os seus deberes e convocar as 6.067 prazas vacantes que existen no Sergas. Por unha vez deixe de tirar balóns fóra, como un xogador tramposo, e goberne”, reclamou.

Á convocatoria das prazas vacantes, suma a petición dun contrato estable real, en contraposición co anunciado polo SERGAS amplamente rexeitado polos profesionais.

“Ofreza condicións de traballo dignas para recuperar a todo o persoal que expulsou a base de precariedade”, propuxo Pontón, quen cualificou de “broma” o suposto contrato de estabilidade ofrecido pola Xunta “que lle permite obrigar aos facultativos a facer xornadas continuadas de 31 horas, que clase de atención sanitaria pode darse nesas condicións?”, interpelou.

Máis persoal e máis recursos constitúen “o binomio” para blindar a sanidade pública, por iso ademais da cobertura das 6.067 vacantes no SERGAS, o BNG propón un plan de choque para dotar de 200 M€ adicionais en 2019 á atención primaria, a máis damnificada polos recortes, e recuperar as xerencias con recursos e capacidade de xestión.

Datos falsos sobre persoal sanitario

Pontón acusou a Feixóo de mentir cando asegura que hoxe hai máis persoal no sistema público de saúde.

“Ten que explicarnos de onde saca os seus datos, porque as memorias dos orzamentos indican que desde que goberna hai 1.421 profesionais menos na sanidade e, lonxe de rectificar a tendencia, os orzamentos en persoal deste ano recollen 505 profesionais menos só en atención primaria. Deixe de enganar á xente, con menos, faise menos”, denunciou citando os datos que figuran nos anexos de persoal do SERGAS.

Si a supresión da taxa de reposición, si a convocatoria extraordinaria de prazas MIR, pero Pontón tamén pediu concreción ao xefe do Executivo: cantas prazas MIR en concreto pide o Goberno galego e cantas prazas habilitada para dar esa formación ten o SERGAS. Ambas quedaron sen resposta.

Recoñecemento profesionais

A líder nacionalista aproveitou a súa intervención para volver facer un recoñemento ao persoal sanitario.

“Sen a súa dedicación as consecuencias dos recortes e das privatizacións terían sido aínda máis graves”, e fixeron de “barreira de contención” fronte a un Feixóo “convertido nun terminator para a sanidade pública, empeñado en facer da saúde un negocio para as súas empresas amigas. Só hai que ver o que está pasando con Povisa ou fundacións do entorno de Romai Beccaría.

Pontón recriminou a “prepotencia” do presidente da Xunta que fiel ao seu estilo responde “con inxurias e con mentiras” a quen defende a sanidade pública. Fronte ao mantra oficial de que a sanidade está mellor que nunca, contrapón a realidade da mobilización social e profesional.

Dimisión de 26 xefes e xefas de servizo de atención primaria en Vigo, urxencias do CHUS en indefinida desde hai 11 semanas, PACs en pé de guerra, o transporte sanitario urxente anuncia folga para febreiro, paros en atención primaria previstos en todo o país e as rúas desbordan cada vez que hai unha convocatoria en defensa da sanidade pública. “Pode explicar porqué se todo vai tan ben”, interpelou.

“Rectifique porque só acerta cando rectifica”, reclamou, “e estamos falando nada menos que da saúde dos galegos e das galegas”.