Ana Pontón a Feixóo: “É un disparate que se apunte á falsa idea de Galiza é pobre porque lle fai perder miles de M€ cada ano”

Intervención de Ana Pontón na sesión de control ao presidente da xunta.

Ten que explicarlle a galegas e galegos por que prefire que Madrid teña a chave dos cartos e veta debater neste Parlamento un novo modelo de financiamento

Medidas concretas: subir ao 90% a cesión do IVE e IRPF para ter 4.000 M€ máis, a xestión do imposto de sociedades e que as eléctricas paguen aquí

Ana Pontón a Feixóo: “É un disparate que se apunte á falsa idea de Galiza é pobre porque lle fai perder miles de M€ cada ano”

A portavoz nacional, Ana Pontón, propón o Parlamento como foro para definir un novo modelo de financiamento superando o actual sistema, caduco desde 2014, que lle fai perder miles de millóns de euros aos galegos e as galegas cada ano. E pide ao presidente da Xunta que deixe de abonar a “falsa idea da Galiza pobre” porque é un “disparate” e vai contra os intereses do País.

“Hai un discurso falso, pero que os partidos centralistas se empeñan en impoñer: esa idea da Galiza pobre, dependente do Estado que non ten futuro sen a graciosa xenerosidade que nos ven de fora”, salientou Pontón, quen cualificou de “disparate” que sexa precisamente Feixóo “un dos principais defensores desa idea falsa demostrando que non confía no País e que pensa Galiza en pequeno”.

Por contra, o Bloque considera que é o Estado quen fai caixa cos impostos dos e das galegas e pon sobre a mesa as cifras que o demostran. Citando o datos oficiais de 2019, último exercicio liquidado, Galiza aportou 13.212 millóns de euros mentres obtivo polo actual modelo de financiamento 8.142 M€, o que supón unha achega de 5.070 M€.

“A proposta do BNG é un concerto económico, como o que ten Euskadi ou Navarra, que nos dea a chave dos nosos cartos, que nos permita decidir desde aquí sobre o noso e despois facer contas co Estado sen agravios nin discriminacións”, alegou Pontón, quen consciente das “ataduras” de Feixóo ao centralismo que lle impón o seu xefe de filas, tamén aportou propostas para, cando menos, avanzar en autonomía fiscal.

Neste sentido, o Bloque reclama ampliar a porcentaxe de impostos cedidos até o 90%, IVE e IRPF, o que suporía 4.000 M€ adicionais cada ano. Igualmente,  reclama a cesión do imposto de sociedades; que tributen aquí as empresas que teñen actividade produtiva aquí, como as eléctricas que explotan recursos naturais pero pagan os impostos fora. Finalmente, apostar por unha fiscalidade verde que aporte máis fondos para loitar contra a emerxencia climática.

Para consensuar unha posición de país, Pontón propón o Parlamento como foro para un novo modelo de financiamento xusto, “porque non ten sentido que para definir ese modelo pretenda falar con todo o mundo menos cos galegos e galegas, a través das forzas políticas representadas nesta Cámara”, indicou, tras reprochar o veto do presidente da Xunta a trasladar un debate desta transcendencia ao ámbito parlamentario.  “Por que non quere falar de financiamento autonómico no Parlamento señor Feixóo, que ten que agochar?”, interpelou durante a sesión de control.

Unha sesión de control na que, de novo, o xefe do Executivo evitou responder a pregunta da líder nacionalista quen, ironicamente, propuxo un cambio no regulamento da Cámara para rebautizar o debate como “sesión de control á oposición”, ante o “escapismo” do presidente do Goberno.

Pontón insistiu na pertinencia e na importancia do debate sobre financiamento, e pediulle ao PP que non se deixe “cegar” pola súa ideoloxía centralista e que, por unha vez, se poña o interese de Galiza por diante do interese partidista, lembrando tamén que o actual modelo, “asinado polo seu puño e letra”, ten causado unhas perdas superiores os 9.000 M€ desde a súa entrada en vigor.

“Sen autonomía financeira, non hai autonomía política, e estamos fartas de ver que cando deciden por nós en Madrid, Galiza perde e queremos que iso cambie”, alegou. “E non señor Feixóo, este non é un País pobre, e persistir nesa falsa idea só demostra que non confía no País e ten que explicarlle aos galegos e as galegas por que non confía neles, porque prefire que decidan en Madrid sobre o noso. Deixe de pensar Galiza en pequeno porque o que se precisa é pensar Galiza en grande ”, concluíu Pontón.

 

Ana Pontón a Feixóo: “É un disparate que se apunte á falsa idea de Galiza é pobre porque lle fai perder miles de M€ cada ano”