Municipais 2023

Ana Pontón destaca que Moeche é un exemplo do modelo de éxito do BNG nos concellos que transforma e mellora a vida da xente

Acto Moeche
Acto Moeche

Augura que Bea Bascoy seguirá sendo a mellor alcaldesa da historia do municipio a partir do 28M, hoxe convertido nun referente na comarca

Destaca a democratización levada a cabo no concello cunha intensa participación da veciñanza na vida pública

A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo en Moeche acompañando á actual alcaldesa e candidata á reelección, Bea Bascoy, de quen destacou que “en oito anos liderando o Goberno municipal fixo máis por Moeche que o PP en dúas décadas de sombras e decadencia,  un tempo pasado do que ninguén se acorda, fronte a un presente luminoso, ilusionante dun novo concello que estades construíndo colectivamente, entre todos e todas”.

A líder do Bloque puxo en valor o traballo do BNG neste mandato, que colocou a Moeche “como foco de actividade comercial, de creación de riqueza e de emprego, cunha aposta decidida polos produtos de proximidade e por proxectos de desenvolvemento rural que son un referente”. Pontón indicou Bascoy e o seu equipo están construíndo “man a man cos veciños e veciñas un concello honesto, democrático e participativo”.

Pontón enxalzou a determinación de Bascoy  para defender “con unllas e dentes” os intereses do concello e da veciñanza, por iso planta cara ao espolio eólico que pretende o Partido Popular para este concello, denunciou, referíndose ao que cualificou como “barra libre” para cinco novos parques eólicos, “e todo para que unha presa de multinacionais se sigan forrando roubando o noso vento, mentres en Moeche e en Galiza non quedan máis que as migallas”, recriminou, a un PP “que antepón os intereses do lobby eléctrico por riba deste concello e do País”.

Pontón quixo contrapoñer o “espolio” promovido polo Goberno do PP ao modelo do BNG, favorable a unha transición enerxética e á enerxía eólica pero planificada, “dunha maneira xusta e democrática, cun modelo ao servizo do País, das familias, da clase traballadora, das empresas”. O que non é tolerable e que “os de sempre rouben a nosa riqueza forrándose con noso vento, nin é tolerable que convertan Galiza na colonia enerxética de Madrid”.

Acto Moeche
Acto Moeche

Para iso, Pontón marcou como obxectivos do modelo do BNG a creación dunha empresa de enerxía “100% pública, que obrigue os parques eólicos a desenvolver proxectos industriais, facendo que as eléctricas paguen impostos aquí, e poñendo en marcha a tarifa eléctrica galega para ter unha factura da luz máis barata como compensación polos custes sociais e ambientais que temos”, seguindo a estela de países como Alemaña, Dinamarca e Gran Bretaña.

Modelo municipal de prestixio

“Onde gobernamos transformamos, construímos concellos con calidade de vida, rendabilizamos cada euro, son exemplos de democracia participativa, concellos feministas que apostan pola igualdade, sustentables, honestos. Por iso, estou convencida que imos ter un gran resultado nas urnas porque a corrente de simpatía cara o BNG non deixa de medrar e porque temos un modelo municipal de éxito que o mellor aval para pedir o apoio da cidadanía”, argumentou a líder do Bloque.

Pontón explicou unha das claves dese modelo municipal que se ten convertido en referente, dentro e fora: a confianza no potencial do País e da súa xente, pensar unha Galiza e uns concellos “en grande”, por iso o BNG “representa o entusiasmo, a vitalidade, o empuxe e o optimismo que tanto necesita Galiza e a sociedade galega”.

A por todas por unha nova Galiza

Construír esa nova Galiza abrindo unha nova etapa no País que o BNG aspira a liderar. “Quero unha Galiza en grande na sanidade, fronte a un PP convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas; en grande para aproveitar a súa riqueza, fronte ao espolio eólico que promoven as forzas centralistas, e quero unha Galiza en grande para a mocidade, para acabar coa sangría da emigración”, argumentou.

Esa Galiza  é posible e vai empezar a construírse concello a concello a partir do 28M, porque aínda que as forzas centralistas queiran facer dos nosos concellos o seu partido previo da liga estatal, “quero recordarlles que o que eliximos son as persoas que nos representan nos concellos, que non veñan aquí a repetir os seus pim-pam-pums madrileños”, subliñou.

Pontón rematou a súa intervención pedindo aproveitar ao máximo a campaña, porque “imos a por todas, sen poñernos límites, saímos a ganar un futuro mellor para Galiza”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG