Ana Pontón defende un novo modelo de financiamento autonómico sobre unha dobre premisa: ambición e confianza en Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón

“A idea de que Galiza é pobre e dependente do Estado ademais de falsa debilita a nosa posición negociadora”, advirte na comisión parlamentaria

Propostas para ganar soberanía financeira: 90% da cesión do IRPF e IVE, cesión do IS e que tributen as empresas con actividade económica no País

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o arranque da comisión parlamentaria de debate dun novo modelo de financiamento para fixar a posición do BNG: Galiza debe presentar unha proposta ambiciosa e desde a confianza no País.

“No debate sobre o novo modelo de financiamento hai que ter ambición de país e confianza en Galiza, fronte ao discurso falso, pero que as forzas políticas do centralismo se empeñan en impoñer, da Galiza pobre, da Galiza dependente do Estado, da Galiza que non ten futuro sen a xenerosidade de fóra, como se os galegos e as galegas non pagásemos impostos. Con ese punto de partida e con ese discurso o que se fai é debilitar a Galiza no debate do financiamento”, argumentou.

Na comisión, que iniciou a ronda de comparecencias, Pontón ratificou a vontade do BNG de formular propostas para que Galiza “gañe”, tendo en conta que están en xogo os recursos para afrontar cuestións de tanta relevancia como sufragar os servizos públicos, a ciencia e investigación, fortalecer o estado do benestar ou darlle futuro ás novas xeracións.

A líder nacionalista ratificou que o Bloque aposta por un concerto económico que lle dea a Galiza a “chave” dos seus cartos e lle permita decidir e marcar as súas prioridades para, despois, facer contas co Estado, “sen agravios nin discriminacións”. Pero consciente de que a actual maioría parlamentaria veta esta alternativa, o BNG presentou na comisión propostas que cando menos si permitan avanzar na soberanía financeira.

“Hai moita marxe para mellorar en dous ámbitos: nos recursos do sistema e en como se reparten”, indicou. En relación ao primeiro asunto e tendo en conta que son as comunidades ás que xestionan a práctica totalidade dos servizos e das prestacións, -sanidade, educación, servizos sociais, etc.-,  hai que incrementar o peso dos territorios nestes recursos e nesa dirección o Bloque pon sobre a mesa medidas concretas.

Ampliar até o 90% a porcentaxe da cesión do IVE e do IRPF, reclamar a cesión do  imposto de sociedades, que tributen aquí as empresas que teñen actividade produtiva aquí, algunhas mesmo usando recursos naturais do País e cun gran impacto ambiental, como é o caso das eléctricas como Iberdrola, Naturgy ou Endesa. E, nesta mesma liña, avanzar nunha fiscalidade verde para loitar contra a emerxencia climática.

En relación á cuestión da distribución dos recursos dun modelo de financiamento futuro, debe terse en conta o custe da prestación do servizo, algo que non se está cumprindo, alegou Pontón botando man dos datos. De feito, o peso da poboación axustada de Galiza sobre as CCAA de réxime común caeu do 7,59% de 1999 até un 6,56% de 2020, sen que responda a ningunha lóxica posto que a prestación de servizos como a sanidade, educación ou a dependencia son precisamente máis custosos de impartir nun territorio cun alto nivel de dispersión e cunha poboación moi envellecida.

A modo de exemplo, a portavoz do Bloque destacou que a prestación sanitaria que require unha persoa maior de 65 anos triplica a que necesita recibir un usuario por debaixo desa idade, ou o custe adicional da dispersión nunha Galiza que concentra case o 15% dos centros de saúde do Estado. Tamén é maior o custe do servizo de urxencias e do transporte programado e urxente, e o mesmo se podería aplicar na educación ou na dependencia, cuestións todas que deben terse en conta no deseño do novo modelo de financiamento autonómico.

E para iso, o BNG defende un cambio na ponderación de criterios como envellecemento, que debería pasar do actual 8,5% ao 15%; a dispersión, que apenas computa un 0,6% e debería aumentarse até o 4,2%. Igualmente, defende que se inclúan novas variables como por exemplo a da emigración, polos custes que implica a prestación de servizos a residentes no exterior, así como as características xeográficas e ambientais dun territorio condicionado por 1.200 quilómetros de costa, ou o feito de ter unha lingua e cultura propias que debe ser obxecto de mellor atención no financiamento para contribuír a súa plena normalización.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG