Ana Pontón considera precipitado iniciar a desescalada ante a ponte e advirte que pode tirar pola borda o esforzo realizado

Ana Pontón
Ana Pontón
Lembra que aínda no suposto máis favorable Feixóo fixa como media 100 contaxios por cada 100.000 habitantes o que duplica a recomendación da OMS

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera “precipitada” a desescalada anunciada polo presidente da Xunta que entraría en vigor coincidindo co inicio da ponte da Constitución, ao entender que os datos non permiten baixar a garda senón que convidan a extremar a prudencia para non malograr o esforzo feito en tres semanas de confinamento.

“A valoración do BNG é que nos parece precipitado iniciar unha desescalada nun momento en que os datos, aínda que mellores, o que nos están indicando é que debemos ser prudentes, que debemos extremar as precaucións para non tirar pola borda o esforzo que está realizando a poboación e moitos sectores económicos ao longo de tres semanas de confinamento. Parece que agora o obxectivo do Goberno galego non é só salvar a campaña de Nadal senón tamén salvar a ponte desta fin de semana”, salientou Pontón.

Para a líder nacionalista, “o máis prudente sería esperar a que houbese constancia dunha caída significativa, contundente e continuada na cifra de contaxios, hospitalizacións e falecementos, antes de iniciar unha desescalada. Hai que ter en conta que, mesmo no nivel máis favorable dos tres especificados por Feixóo, permite 100 contaxios por cada cen mil habitantes, o dobre da cifra que a OMS considera un nivel de risco alto”, subliñou.

En países como Alemaña tomáronse medidas contundentes con cifras de contaxios moi inferiores ás que establece o Goberno do PP na tripla división para facer a desescalada de cara á ponte. Igualmente, o Bloque demanda o peche perimetral total de Galiza ante unha fin de semana na que pode haber movemento entre territorios.

A día de hoxe, alegou, case ninguén dubida de que a desescalada tras o confinamento da primeira onda foi precipitada, “e non se debería repetir os erros do pasado porque hai moito en xogo, nada menos que a saúde dos galegos e das galegas”. En relación a apertura “a medio gas” da hostalería, desde o BNG pídese que se manteñan as axudas, posto que as condicións de apertura non lle van permitir ao sector recuperar o perdido nin o nivel de facturación habitual nestas datas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG