Ana Pontón compromete un novo modelo enerxético que impulse o autoconsumo para “democratizar” a riqueza enerxética do País

Mazaricos
Mazaricos

Aposta por facilitar o autoconsumo non só a nivel familiar senón tamén entre as pequenas e medianas empresas e promover as comunidades enerxéticas

Defende un cambio de goberno liderado polo BNG que poña fin ás políticas do Goberno do PP que “entrega a riqueza do País ás grandes enerxéticas”

Exemplifica na experiencia de Piensos Alborés, en Mazaricos, como con outro modelo enerxético é posible reducir a factura eléctrica nas empresas

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, compromete un novo modelo enerxético que impulse o autoconsumo para “democratizar” a riqueza enerxética do País, se obtén a confianza dos galegos e das galegas para ser a próxima presidenta da Xunta.

Así o dixo en Mazaricos, onde visitou as instalacións de Piensos Alborés para avaliar o impacto que tivo na súa produción a implantación dunha planta fotovoltaica para a xeración de enerxía, unha experiencia que exemplifica “como con outro modelo enerxético” as empresas poden reducir a súa factura eléctrica, o que considerou clave non só para o sector industrial senón tamén para o agrogandeiro.

Por iso, e fronte ao modelo do Goberno do PP que “entrega a riqueza eléctrica do País ás grandes enerxéticas”, a líder nacionalista defendeu a alternativa do BNG que aposta por “democratizar a enerxía”, impulsando un modelo máis descentralizado, incrementando o mix enerxético e poñendo “toda esa riqueza eléctrica ao servizo das familias e das empresas”.

Neste sentido, comprometeu o impulso do autoconsumo eléctrico e da enerxía distribuída, opcións “boicoteadas” polo Executivo do PP “dende co imposto ao sol ata con trabas burocráticas que fan moi difícil a participación” neste tipo de alternativas. Co obxectivo de impulsalas, Pontón considerou preciso superar a visión simplista do autoconsumo como “algo pequeno” e limitado ao nivel familiar e concibilo dende unha perspectiva máis ambiciosa dotándoo dunha dimensión maior “que inclúa tamén á pequena e mediana empresa”.

De igual xeito, defendeu o fomento da creación de comunidades enerxéticas, incentivando a participación cidadá e a implicación das Administracións locais, e o impulso dunha “estratexia que impulse o autoconsumo tamén en polígonos industriais e en zonas que teñen unha concentración de actividade moi importante que o permite”.

Pontón tamén apostou polo desenvolvemento dunha normativa propia que favoreza o autoconsumo e axilice a tramitación deste tipo de iniciativas enerxéticas, “eliminando as trabas burocráticas”, co obxectivo de “fomentar que cada vez as eléctricas teñan menos poder e que teñamos tanto unha produción como unha distribución de enerxía moito máis democrática e plural”.

“O que temos a día de hoxe é un Goberno do PP que está traballando para as eléctricas, que puxo en marcha un boom eólico depredador e que non está aproveitando todo o potencial e a riqueza que temos neste ámbito”, criticou, para advertir a continuación que a nova normativa que aproba hoxe o Consello da Xunta neste sentido “non é máis que unha farsa” que mantén ese mesmo modelo.

Nesta liña, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta afirmou que a clave para modificar o actual modelo depredador do PP “é que haxa un cambio de goberno que quite a cadeira que as eléctricas teñen no Consello da Xunta e que poña en marcha un novo modelo enerxético”.

Un modelo alternativo que o Bloque concibe dende unha “visión democratizadora” da enerxía e que inclúe a creación dunha empresa pública de enerxía liderada pola Xunta e aberta á participación das entidades locais. “Un modelo que ten que quitar o poder ás eléctricas e, sobre todo, que ten que ordenar e planificar como queremos facer a transición enerxética e poñer a riqueza eléctrica do País ao servizo da sociedade galega”, concluíu.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG