Galegas 2020

Ana Ponton compromete cubrir as 6.000 vacantes SERGAS e critica cinismo Feixoo coa taxa reposicion

Ana Pontón
Ana Pontón
“Foi o Goberno do PP quen aprobou a taxa de reposición e Feixóo un abandeirado desa medida que aplicou deixando a sanidade pública con menos persoal sanitario”

A portavoz nacional, Ana Pontón, comprométese a cubrir as 6.000 vacantes do SERGAS e, neste sentido, avanza que se obtén a confianza dos e das galegas para liderar o goberno do país tras o 12 de xullo, tomará dúas decisión inmediatas de reforzo do sistema público de saúde nos primeiros cen días: unha oferta pública de emprego para cubrir as 6.000 prazas vacantes na sanidade e un plan de reforzo urxente na atención primaria dotado con 200 millóns de euros.

“Para o BNG o dereito a saúde das persoas é innegociable e que para iso é clave ter unha sanidade pública forte, que conte con todo o apoio en recursos humanos, económicos e de infraestruturas. Sempre o defendemos así, pero na Galiza postCOVID19 a defensa dunha sanidade pública forte, con todo o persoal e con todo os recursos necesarios, é máis necesaria que nunca”, salientou ante os medios a candidata á Presidencia.

Neste sentido, Pontón avanzou un dobre compromiso: “se os galegos e as galegas me dan o seu apoio para liderar o goberno de Galiza imos fortalecer a sanidade pública con dúas medidas inmediatas que estarían entre as decisións dos primeiros cen días de goberno: cubrir as 6.000 prazas vacantes no SERGAS cunha oferta pública de emprego inmediata e un plan de reforzo da atención primaria dotado de 200 M€”, indicou, convencida de que a defensa da sanidade pública na Galiza post COVID 19 é mesmo un imperativo moral.

Pontón foi moi crítica co presidente da Xunta e candidato do PP que agora reclama a supresión da taxa de reposición, -aprobada polo Goberno de Raxoi-, e da que foi aplicado seguidor na sanidade galega á que deixa con menos profesionais tras dez anos de recortes, incluída a taxa de reposición que agora rexeita noutra mostra máis de cinismo político.

“Foi o PP quen aprobou a taxa de reposición que impedía contratar persoal na sanidade e nos servizos sociais con Feixóo como abandeirado, como alumno aplicado da medida ao longo dos anos da crise e que nos deixa unha sanidade pública nunha situación crítica e con menos persoal. Sempre se negou a convocar as 6.000 vacantes no SERGAS, non fixo nada por reforzar e mellorar a atención primaria, pese a ser un elemento fundamental para atender a poboación”.

“Xa o sabíamos, pero coa pandemia da COVID 19 púxose aínda máis de relevo a importancia de ter unha sanidade pública fortalecida para evitar que as persoas o pasen mal ou estean desatendidas tendo en conta os retos futuros que podemos en materia de saúde pública”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG