XERAIS 2019

Ana Pontón compromete o apoio de BNG no Congreso para que Galiza sexa referencia en investigación

CIMUS
CIMUS

Avanza as prioridades na visita ao CIMUS: Duplicar o investimento en I+D+i, retorno do talento emigrado, combater a discriminación da muller na ciencia

En relación á visita de Sánchez: “O seu programa para este país quedou claro nos peores orzamentos para Galiza en 17 anos”

Ana Pontón compromete o apoio de BNG no Congreso para que Galiza sexa referencia en investigación

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) xunto co candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, para destacar os compromisos do BNG coa investigación e a ciencia en Galiza, cuxo potencial queda claro nun centro de referencia como o CIMUS cun panel de cientí[email protected] de primeiro nivel.

Incrementar os recursos destinados a I+D+i, traer de volta ao talento investigador que emigrou precisamente por falta de orzamento e oportunidades, e combater a discriminación das mulleres no ámbito da ciencia foron os compromisos adquiridos polo BNG a defender no Congreso tras o 28A.

“Temos que denunciar que nos últimos anos e xa fora da crise o Goberno central seguiu recortando en investigación e desenvolvemento”, criticou Pontón, de tal xeito que hoxe os recursos do Estado para I+D+i caeron a niveis de fai 15 anos mentres que os fondos para investigación e desenvolvemento na UE aumentaron un 25%”.

É máis, salientou a líder nacionalista, os minguados recursos presupostados quedaron maioritariamente sen gastar. En 2016, o Estado deixou sen investir o 60% do orzamento en investigación, en 2017 os datos aínda son peores e 7 de cada 10 euros quedaron sen gastar, en 2018 deixouse de investir o 53%, “e polo que nos explican as cifras en 2019 vanse mover en porcentaxes similares sen executar”.

“Hai un enorme talento investigador, Galiza é unha potencia tamén neste ámbito pero precisa apoio e recursos. Fallou a pata do financiamento con recortes tanto desde os gobernos do Estado como da Xunta provocando unha emigración de talento que necesitamos recuperar”, subliñou Pontón.

“A investigación é básica para o noso país, e Galiza ten potencia pero precisa orzamentos e apoio público, precisa ser decisiva no Estado a partir do 28A para facer unha aposta estratéxica pola innovación”, salientou a portavoz nacionalista que concretou o apoio dos deputadas e deputadas do BNG en compromisos concretos.

En primeiro lugar, “duplicar o investimento en I+D+i porque estamos por debaixo da media estatal”, que a súa vez está moi por debaixo da media europea, “Galiza retrocedeu postos estes anos e o noso compromiso sendo decisivos no Estado é que haxa un incremento de apoio á ciencia e á investigación”.

Carreira investigadora

En segundo lugar, apoio para desenvolver a carreira  investigadora “para evitar que os nosos investigadores e investigadoras tiren a toalla porque a día de hoxe estamos perdendo talento que hai que traer de volta”.

Como terceiro compromiso, “apoiamos unha ciencia que aposte por todo talento das mulleres e que acabe coa discriminación das científicas e investigadoras, cos teitos de cristal que soportan tamén neste ámbito, e derrubar as barreiras que limitan o seu desenvolvemento profesional como denunciaban as afectadas penalizadas mesmo por ser nais. É algo que hai que corrixir”, concluíu.

Rego destacou a excelencia científica do CIMUS, “que redunda en beneficio de Galiza, que coloca tamén a universidade de Santiago no nivel de prestixio no que xa está en investigación e imos cos deberes de colocar mais recursos sobre a mesa”, salientou.

Carta de presentación de Sánchez

En relación á visita do candidato do PSOE, Pedro Sánchez, Pontón salientou que o programa electoral que ofrece a Galiza quedou reflexado nos orzamentos que presentou co apoio de En Marea-Podemos cun recortazo de 750M€

“Como todos os que veñen de turismo electoral pide o voto pero non explica que propostas ten para este país, entre outras cousas porque o que ten para Galiza vímolo nos seus orzamentos do Estado, os peores para este país en 17 anos. Os galegos e as galegas temos unha oportunidade este 28 de abril para cambiar as cousas da man do BNG, porque faremos que Galiza conte e frearemos a involución democrática”, recalcou.