Xerais 2019 (10N)

Ana Pontón coloca ao BNG como a única garantía para acabar co desprezo do bipartidismo con Ourense tras o 10N

Acto Ourense
Acto Ourense

“PP e PSOE cambian de opinión segundo quen sente na Moncloa, o que antes era un pendello agora pasa a ser unha intermodal estupenda”, ironiza

 

García ve no proxecto da estación “o maior vacile político dos últimos anos” a Ourense

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou en Ourense que a estéril confrontación PP-PSOE demostra que as forzas estatais “non teñen solucións para o país”, situación que debe mudar tras o 10N, porque “lonxe de ser parte da solución son parte do problema, usan Galiza non seu pim-pam-pum electoral pero sen defender un futuro para este país, ao que toman a pitorreo”,  denunciou.

A líder do Bloque salientou que a situación que soporta Ourense en materia de infraestruturas ferroviarias é un exemplo de manual dese “pasotismo” do bipartidismo, capaz de defender unha cousa e a súa contraria en función de quen goberne en Madrid, como no caso da intermodal.

“Comprobamos a inutilidade das forzas estatais á hora de dar solucións que queda de manifesto co proxecto da intermodal: en función de quen se sente na poltrona da Moncloa cambia a posición de PP e PSOE, e  vemos que o para os socialistas o que antes era un pendello agora é un proxecto estupendo e exactamente igual co PP, que critica todo o que lle parecía ben mentres gobernou Raxoi”, ironizou.

“Usan Galiza na súa estratexia partidaria pero sen ser capaces de defender os interesa de Ourense”. Por contra, “o Bloque sempre vai defender unha intermodal de futuro que ao mesmo tempo axude a construír cidade, que solucione os problemas de mobilidade entre os barrios, que mellore a urbanización e os espazos públicos”, indicou a líder nacionalista.

Neste sentido, avanzou que nun escenario sen maiorías absolutas, o BNG utilizará a súa representación no Congreso para reclamar a intermodal que a cidade necesita.

“Hai que rectificar este proxecto para evitar que Ourense perda a oportunidade de ter unha intermodal digna, e iso é o que imos defender no Congreso a partir do 10N, unha infraestrutura que supoña unha mellora en todos os ámbitos en lugar de xerar problemas e levantar barreiras en servizos básicos como o centro de saúde da Ponte ou incrementar os problemas de mobilidade entre barrios”.

Unha cuestión compartida polo candidato ao Congreso dos Deputados por Ourense, Francisco García, quen cualificou a posición do PP e do PSOE como “o maior vacile político dos últimos anos a Ourense”, e destacou que a formación nacionalista  “é a única forza política que apostou dende o primeiro momento por un proxecto de intermodal digna para a cidade de Ourense” para a provincia.

Tarifazo do avant e deterioro do cercanias

Ademais das infraestruturas para a chegada do AVE, Pontón e García tamén fixeron referencia a outras dúas cuestións do transporte por tren na cidade e na provincia: o imparable deterioro do servizo de cercanías e o tarifazo do avant.

“Ourense tamén precisa un tren de cercanías de século XXI, porque o actual cunhas máquinas obsoletas é unha sucursal de autobuses que deixa as persoas tiradas e obrigadas a viaxar en autobús con moito retraso”, salientou, “así non se logra o  reequilibrio territorial”

En relación ao sobre custe que pagan os usuarios de Renfe en Ourense Pontón, -que optou polo tren para chegar á cidade das Burgas-, comprometeu que o BNG terá entre as súas prioridades no Congreso acabar con esa “estafa”.

Discriminación “sangrante”

“Aí sigue o tarifazo, primeiro co PP e agora co PSOE, pese a que fai máis dun ano que o Bloque conseguiu no Parlamento o apoio unánime para esixir a fin deste abuso escandaloso, que fai que o tren sexa inasumible para moitas familias, estudantes, ou traballadoras”, denunciou.

O prezo do billete chega a ser até un 60% máis caro se a estación de saída e de chegada é Ourense sobre traxecto similares en distancia no eixo atlántico A Coruña-Santiago- Vigo, como subliñaba García: “non deixa de ser sangrante que Vigo e Coruña teñan tarifas moito máis razoables que Ourense. Por iso, nós comprometémonos a seguir loitando contra  estas desigualdades”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG