Ana Pontón: “A cidadanía galega vai aproveitar o 10N para acabar co menosprezo a Galiza da man do BNG”

Ana Pontón
Ana Pontón

As forzas estatais, augura, van pagar nas urnas a súa “inutilidade e incompetencia”. “Demostraron que este país lles importa un pito”, critica

Replica a Feixóo que nada lle impide presentar os orzamentos de 2020, “salvo que queira sumarse á inestabilidade política para facerlle dano a Galiza”

Ana Pontón: “A cidadanía galega vai aproveitar o 10N para acabar co menosprezo a Galiza da man do BNG”

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o fracaso na formación do goberno do Estado constata a “inutilidade e a incompetencia das forzas estatais”, cuxos dirixentes deixaron claro que os personalismos e as estratexias partidistas están por riba do interese xeral.

“Sánchez, Casado, Iglesias e Rivera demostraron que lles importa un pito os problemas da cidadanía e que lles importa un pito Galiza, catro anos con catro eleccións fronte a catro líderes máis preocupados polos seus egos que polos asuntos da cidadanía”, sintetizou Pontón, que se pregunta con que cara van volver pedir a confianza dos e das electoras.

“Sorprende que os que nestes meses demostraron o seu fracaso e a súa incompetencia agora pretenden volver pedirlle o voto a cidadanía, pregúntome para que, é o primeiro que deberían explicar”, subliña.

A líder nacionalista está convencida de que a maioría social “vai darlle a volta a tortilla” e converter o problema creado polas forzas estatais nunha “oportunidade” da man dun BNG que é o único que garante a defensa de Galiza no Estado.

“O 10N van recibir nas urnas o que se merecen porque a maioría da cidadanía galega tomou nota da inutilidade das forzas estatais e estou convencida de que os galegos e as galegas imos darlle a volta a tortilla e converter o problema que eles crearon nunha oportunidade para que Galiza teña voz, teña peso e acabemos co ninguneo, coa discriminación e mesmo diría co desprezo que demostraron a este país”, argumentou.

“E van converter ese problema nunha oportunidade da man dunha forza política como o BNG, que garante a defensa de Galiza ante Madrid e que garante tamén seriedade na política, algo que bota de menos a maioría social, porque no Bloque estamos para dar solucións mentres as forzas estatais demostraron formar parte do problema. Sánchez, Casado, Iglesias e Rivera,  máis preocupados por si mesmos que por estar á altura, van ter a resposta que merecen nas urnas”, declarou.

Pontón subliñou que o BNG está “preparado” e vai ir “a por todas” para converter o 10N nunha oportunidade de colocar Galiza no lugar que lle corresponde dentro da axenda do Estado, e para que no Congreso volva haber unha forza política que dea voz os problemas e os intereses dos e das galegas.

En relación a intención de Feixóo de non presentar un proxecto de orzamentos para 2020, Pontón lembra que estamos na mesma situación que con Raxoi cando forzou unha repetición dos comicios xerais, e nesa ocasión non dubidou en elaborar as contas públicas.

“Pregúntome porqué Feixóo quere ser un elemento máis de inestabilidade cando pode facer un orzamento e pode realizar unha modificación de ser necesaria, como xa fixo no presente exercicio. Por tanto, se ameza con non presentar orzamentos é para facer dano a Galiza dentro da súa estratexia partidista e electoralista. Senón os presenta e porque é un irresponsable”, sentenciou.