GALEGAS 2020

Ana Pontón chama a sumar no BNG a todas as persoas que queren un cambio real para construír unha Galiza máis xusta

Executiva BNG
Executiva BNG

“Sería revolucionario que por primeira vez este país teña unha muller nacionalista na Presidencia”, proclama

Non son tempos de “gobernos sucursalistas” e só o Bloque garante un  goberno coas mans libres ao servizo do país

Anuncia unha campaña intensa, porta a porta é a pé de rúa para deixar atrás a década de “desfeita” de Feixóo

Ana Pontón chama a sumar no BNG a todas as persoas que queren un cambio real para construír unha Galiza máis xusta

O BNG ve as eleccións do 5A  como “unha gran oportunidade para poñer unha nova Galiza en marcha” que deixe atrás a desfeita de dez anos de Feixóo e dar paso a un cambio real que o Bloque está preparado para liderar. “Sería unha revolución que por primeira vez teñamos unha presidenta do BNG”, proclamou a portavoz nacionalista e candidata, Ana Pontón.

Na súa primeira comparecencia tras a baixa por maternidade, Pontón destacou que só a formación nacionalista pode abrir un tempo novo, “porque somos a única forza coas mans libres para levar adiante un proxecto de país, pensado para mellorar a vida da maioría social, a única forza que non ten que mirar para Madrid para pedir permiso, porque temos o centro de decisión en Galiza”.

Por iso, o Bloque vai “saír a por todas”  porque non chega con “cambios cosméticos nin con cambios de cara”. Neste sentido, destacou, “hai que superar o tempo da alternancia na discriminación das forzas estatais, superar o tempo dos que din unha cousa cando están na oposición e a contraria cando están na Moncloa. Galiza non precisa máis gobernos sucursalistas de Madrid, - nin dunha cor, nin doutra-, precisa un goberno coas mans libres ao servizo deste país e deste pobo, un goberno liderado polo BNG”.

Tras a reunión extraordinaria da executiva nacional,  Pontón instou a facer unha gran mobilización social, e fixo un chamamento “a sumar no BNG a todas as persoas que queren un cambio real para empezar a construír unha Galiza máis xusta, con oportunidades, con benestar social, con igualdade e na que poder vivir e traballar. Teñen o meu compromiso e de todo o Bloque de que non lles imos fallar”.

A candidata nacionalista puxo empeño en recalcar a importancia dos comicios do 5A para pasar a páxina do Goberno “fracasado e esgotado de Feixóo, dunha década de submisión e irrelevancia política para empezar a reverter as nefastas consecuencias dun presidente ausente, incompetente e desleal”.

Bágoas de crocodilo

“Con bágoas ou sen bágoas de crocodilo o que non pode tapar Feixóo é a desfeita dos seus dez anos de goberno, que deixa unha Galiza peor que a que atopou, cunha sanidade pública tocada, servizos básicos deteriorados tras conducir o país á irrelevancia política porque sempre estivo atado de pés e mans, primeiro a Raxoi e agora a Casado, e nunca defendeu os intereses dos galegos e das galegas”.

Por todo iso, amosouse convencida de que será derrotado nas urnas, porque o PP está a baixa e xa hai unha maioría social que lle da as costas.

O Bloque, recalcou, “ten un proxecto serio e solvente, unido, somos unha forza política que cumpre a palabra dada, honesta e traballadora, que demostramos alí onde gobernamos que somos capaces de transformar en positivo para mellorar a vida das persoas. E con este aval imos pedir a confianza dos galegos e das galegas o cinco de abril”.

E con ese obxectivo vai desenvolver unha “campaña intensa, porta a porta, a pé de rúa, para que ningunha persoa que queira o cambio real quede na casa o 5A para conseguir o gran reto que temos por diante: que Galiza teña unha muller nacionalista á fronte”, concluíu.