Ana Pontón bota en cara a Feixóo a estratexia de “brazos cruzados” ante o peche de ALCOA

Ana Pontón
Ana Pontón

Salienta que Galiza precisa un Goberno liderado polo BNG que teña unha folla de ruta para reactivar o sector industrial. Visita Noa Madera, en risco de peche

Pide ao candidato do PP que “dea a cara” e acepte un debate a dobre volta nos medios públicos

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cos traballadores e traballadoras de Noa Madera (Fene) na que están en risco 150 empregos, o que situaría á factoría ao borde da desaparición sumándose á longa lista de empresas en crise dentro dun sector industrial baixo mínimos tras unha década de Goberno do PP.

“Once anos de Goberno de Feixóo sen política industrial teñen estas consecuencias porque cada vez hai máis empresas en crise ante un Executivo cruzado de brazos mentres se está destruíndo emprego. Que está facendo o presidente da Xunta para darlle unha alternativa aos traballadores e traballadoras de Noa Madera, ou que fai para darlle unha alternativa aos traballadores de ALCOA que hoxe están pechados? O que non podemos é permitir e que ante situacións como esta teñamos un goberno que non move un dedo e que non fai nada aparte de tirar balóns fora”, alegou a dirixente nacionalista e candidata á Presidencia.

Dende o BNG, subliñou, “seguiremos presentando alternativas ás empresas en crise e no caso concreto de ALCOA esa alternativa é moi clara: nacionalización e tarifa eléctrica galega para que a riqueza eléctrica se utilice para o desenvolvemento económico, para crear emprego e para garantir a produción en sectores estratéxicos como o do aluminio. Esta situación evidencia a necesidade dun cambio real neste país, ante un balance desastroso de Feixóo en materia industria, “que o leva a fuxir dos debates e do contraste de propostas ante a cidadanía”.

O BNG, salientou Pontón- “puxo sobre a mesa a posibilidade dun debate a dobre volta no proceso electoral precisamente para transmitirlle aos galegos e as galegas as alternativas de cada forza política para a sanidade, a educación, para os traballadores e traballadoras de ALCOA, de Noa Madera e de tantas outras empresas. Feixóo cala porque quere fuxir dos debates, porque sabe que o balance industrial destes once anos é un desastre”. “Insistimos en que os galegos e galegas teñen dereito a un debate a dobre volta nos medios de comunicación públicos para o contraste de ideas e pídolle ao candidato do PP que dea a cara”, recalcou.

Tras a reunión na sede de Noa Madera, a líder nacionalista avanzou que o BNG vai presentar ante á Deputación Permanente do Parlamento unha iniciativa para que o Goberno de Feixóo explique que actuacións están levando a cabo para impedir a perda dos empregos nesta empresa afincada no Polígono de Vilar do Colo.

“Cada emprego é fundamental e non imos permitir que unha empresa viable e con capacidade para producir sexa desmantelada por intereses do grupo empresarial que a adquiriu, porque Noa Madera conta con experiencia e traballadoras e traballadores capaces”, salientou tras a reunión co cadro de persoal, xuntanza na que tamén participou o candidato pola Coruña, Xosé Luís Rivas, o candidato pola comarca Mon Fernández así como o rexedor de Fene, Juventino Trigo.

Pontón, tras escoitar aos traballadores e traballadoras, denunciou que a estratexia da dirección do Grupo Malasa é desmantelar unha empresa viable e que, para iso, conta cun aliado nas contrarreformas laborais en vigor, pois facilitan estas prácticas porque abaratan o despido e recortan dereitos laborais. Neste sentido recalcou que “é necesario derrogar as contrarreformas laborais que precarizan e facilitan os abusos, e desde o BNG pedimos a derrogación dunha normativa que supón unha ruína para a clase traballadora”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG