Ana pontón: “No BNG apostamos por reducir as taxas universitarias até conseguir a gratuidade”

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón reafirma o compromiso do BNG por unha universidade pública, gratuíta e galega

Critica a proposta de privatización encuberta dun Feixóo que “conduce en dirección contraria”, e ve a universidade clave para a recuperación como xeradora de I+D+i

Destinar o 1,5% do PIB a financiar o SUG, suprimir a taxa de reposición, transferencia da xestión das bolsas e coordinación entre campus en función da súa especialidade, propostas do Bloque trasladadas nun encontro cos tres reitores

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cos reitores das tres universidades, -Antonio López Díaz, (USC); Julio Abalde Alonso (UDC) e Manuel Joaquín Reigosa (UVI)-, no que reafirmou a aposta do BNG por unha universidade pública, galega, gratuíta e conectada coa realidade do país fronte a calquera intento de privatización do PP.

“No BNG imos facer unha defensa férrea, por terra, mar e aire, dunha universidade pública, galega e de calidade porque se sempre é vital apostar polo coñecemento e pola innovación é máis importante facelo nunha situación de crise económica”, salientou, “apostar por unha universidade ao servizo da sociedade, pública e de calidade, nas antípodas da proposta de privatización encuberta lanzada por Feixóo, que non tivo máis remedio que meter no caixón ante a rotunda contestación do sector universitario pero que deixa as claras cal é o modelo universitario do candidato do PP”.

“Paréceme parece gravísimo que nun momento en que toca definir un novo modelo produtivo para Galiza, Feixóo aposte por desmantelar as universidades públicas, cando o que se necesita é xusto o contrario. O candidato do PP conduce en dirección contraria cando aposta pola privatización do SUG e cando presenta un suposto plan de reactivación pero sen facer mención a un factor clave como é a I+D+i. Fronte a un Feixóo temerario que conduce en dirección contraria, no BNG apostamos por unha universidade pública, de calidade e ao servizo do país”, reiterou.

Nesa defensa da universidade pública, Pontón aposta “por reducir as taxas até conseguir a súa eliminación e polo tanto unha universidade pública e gratuíta”. Igualmente pola xestión das bolsas de estudo e reclama a transferencia da xestión e concesión de bolsas de axuda ao estudo. Neste sentido, salientou que a pandemia puxo a vida das familias “patas arriba” mudando a súa situación económica, polo que a concesión das bolsas teñen que adaptarse a esta realidade tendo en conta o presente e non a declaración da renda de 2019.

“É unha cuestión urxente de cara ao inicio do curso que require medidas extraordinarias, en primeiro lugar para garantir que ningunha persoa xa estaba matriculada se quede fora por cuestións económicas e, en segundo lugar, para impedir que ningún moz@ cun pai ou nai que pecharan o seu negocio ou se quedaran no paro frustre as posibilidades de acceder ao sistema universitario. Por iso as bolsas deben contemplar a situación derivada da COVID19 e ter en conta non a situación económica do ano pasado senón a actual, arbitrando medidas tanto entre as universidades como entre as administracións”, explicou a candidata á Presidencia.

En relación ao financiamento do SUG, o Bloque defende “un novo plan de financiamento negociado coas universidades que teña como referencia o 1,5% do PIB e como elemento clave un fondo especifico de investigación, tendo en conta que son as universidades as que producen arredor do 70% da I+D+i”, explicou Pontón, quen recalcou o papel clave da universidade na xeración de coñecemento, de produción de ciencia, -que salva vidas-, e na recuperación económica do país.

Captar talento investigador

Igualmente, propón a supresión da taxa de reposición para que as universidades podan contar con talento docente e investigador ao máximo nivel, captar novo talento, traer de volta o talento fugado por necesidade e dar oportunidades ao que logrou quedarse no país, desenvolver a carreira do investigador e darlle estabilidade aos investigadores e investigadoras.

En coherencia con estas propostas, alegou, “un Goberno liderado polo BNG será muro de contención contra a privatización e contra a creación dunha universidade privada porque é un proxecto innecesario e non se pode mercantilizar o ensino superior”, alegou.

Igualmente, avanzar, na cooperación entre campus en base á especialización e fortalezas de cada un deles e apoio á promoción de titulacións con incidencia no desenvolvemento económico, social e cultural de Galiza. E, finalmente, o Bloque quere unha universidade galega e en galego, “apoiando a do uso e a promoción do noso idioma e tamén nese mesmo obxectivo, incentivar os vínculos académicos e de investigación coas universidades do ámbito lusófono”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG