Ana Pontón avanza que o BNG será a voz da Coruña no Parlamento para acabar cunha década de abandono do goberno de Feixóo

Francisco Jorquera, Ana Pontón e Mercedes Queixas
Francisco Jorquera, Ana Pontón e Mercedes Queixas

Prioridades que levará á Cámara: reforzar servizos sociais, -atención primaria, escolas infantís e dotación residencias-; impulsar a cidade das TICs, vivenda, supresión peaxe AG55, Porto e infraestruturas ferroviarias

“Coruña é clave para a reactivación económica e social do país”, salientou

O BNG vai poñer o seu caudal de apoio social na Coruña, onde pasou de dous a sete deputados e deputadas, ao servizo da cidade e da súa comarca, co compromiso de ser a súa voz no Parlamento e contrarrestar a década de discriminación do Goberno de Feixóo que se traduciu en cero proxectos para cidade.

“En dez anos o Goberno de Feixóo non atendeu as necesidades da Coruña nin desde o punto de vista social, nin desde o punto de vista económico e urxe mudar esta discriminación máxime agora que estamos nunha crise sen precedentes derivada da pandemia”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, nun almorzo informativo no que tamén participou o portavoz municipal, Francisco Jorquera, e a deputada por esta circunscrición, Mercedes Queixas.

“O labor que imos desenvolver no Parlamento é para darlle voz á cidade e corrixir os déficits en materia sanitaria, de servizos públicos e para poder encarar a reactivación económica e social do país no que o papel desta cidade é clave”, salientou a líder nacionalista, quen tamén avanzou as prioridades de traballo para acabar co agravio e co abandono sistemático que recibiu a urbe herculina dos sucesivos executivos de Feixóo.

Entre as cuestións que o BNG considera urxentes para a cidade está mellorar todo o relacionado cos servizos sociais, empezando por reforzar os centros de atención primaria con medios e persoal así como incrementar as escolas infantís e as residencias de maiores, tendo en conta que a Xunta foi incapaz en dez anos de construír unha soa residencia pública, -tantas veces anunciada polo presidente da Xunta en sede parlamentaria-, e que agora será executada a través da iniciativa privada.

Non ámbito económico e tendo en conta a cascada de peches de empresas do sector industrial na Coruña e comarca, ás que se suman as que atravesan serías dificultades, o BNG defenderá un planificación específica cun plan económico que lle permita a Coruña “enfrontar o reto da dixitalización e ser polo de innovación con proxectos de futuro que deben ser apoiados desde o Goberno da Xunta, como por exemplo que Coruña sexa a cidade das TICs. Imos demandar no Parlamento unha total implicación nun proxecto estratéxico para situar esta cidade nun novo modelo económico”, explicou Pontón.

Igualmente, as infraestruturas serán o terceiro eixo do traballo do BNG na Cámara para sacar adiante cuestións claves para a cidade. Empezando polo Porto que, -máis aló do debate sobre o futuro dos terreos do peirao interior-, precisa captar novos tráficos de mercadorías cun plan específico, e completar as conexións ferroviarias nas súas instalacións.

Estratéxico tamén eliminar as peaxes da AG 55 fundamental para Coruña e a comarca de Bergantiños-Costa da Morte, pois suprimir ese custe é importante para facilitar as sinerxías económicas entre a urbe e os concellos limítrofes. No ámbito das infraestruturas, o tren xoga un papel relevante e, por iso, hai que mellorar as conexións ferroviarias desde Coruña con Ferrol e Lugo.

“Se o Estado non atende esta demanda, a Xunta debe tomar a iniciativa exercendo a súas competencias poñendo en marcha un ente público que permita articular o transporte ferroviario no seu territorio e dar competitividade as súas empresas”, explicou a líder do BNG, como xa teñen territorios como Euskadi ou Catalunya.

Acceso á vivenda: abaratar alugueiros e promoción pública

Outra das cuestións que a formación nacionalista trasladará ao Parlamento é a dificultade de acceso á vivenda, en particular para a xente moza, con prezos que converten a emancipación en misión imposible. “O Goberno de Feixóo leva once anos sen facer nin unha soa promoción de vivenda pública na cidade, hai que mudar esta inacción e, no curto prazo, adoptar medidas para facilitar o acceso a unha vivenda en alugueiro”.

No terreo medioambiental, prioridade á Ría do Burgo que leva décadas esperando unha solución pese a ser un motor económico “taponado polas estratexias partidistas de PP e PSOE”, criticou. Pontón lembrou que esta cuestión forma parte do acordo de investidura e urxe a licitar as obras de rexeneración canto antes. No encontro cos medios, a líder nacionalista subliñou o papel que a deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, vai ter á hora de trasladar e defender todas as cuestión relevantes para a cidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG