PARLAMENTO GALEGO

Ana Pontón aposta por reforzar a universidade pública ante un Feixóo que facilita facer negocio tamén coa educación

Ana Pontón e os reitores de Vigo e Compostela
Ana Pontón e os reitores de Vigo e Compostela

“Tras permitirlle ABANCA o pelotazo coas caixas, agora apadriña unha universidade privada para ricos que segrega por nivel de renda”, denuncia

Reunión cos reitores, aos que traslada o apoio do BNG a unha universidade pública de calidade e punta de lanza da investigación a favor do País

Ana Pontón aposta por reforzar a universidade pública ante un Feixóo que facilita facer negocio tamén coa educación

A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou aos reitores das tres universidades a oposición do BNG á creación da universidade privada impulsada por ABANCA, por considerar que non se pode facer negocio coa educación.

“O Bloque non vai apoiar nunca que se especule co dereito á educación, nin que se faga da educación un negocio máis”, indicou a líder nacionalista, quen tamén fixo fincapé nas “dúbidas” sobre a legalidade do proxecto, posto que a oferta anunciada polos promotores da iniciativa duplica grados e titulacións xa existentes, en casos con apenas unha diferencia na denominación. Pero a lei recolle expresamente que a oferta ten que ser complementaria e non pode ser redundante.

Galiza, subliñou  a portavoz nacional,  o que realmente precisa é reforzar o sistema universitario público, “para seguir ofertando un ensino de calidade e ser punta de lanza da investigación e da ciencia a favor do desenvolvemento do País”. Pero co proxecto de lei do Goberno do PP, “con tramitación parlamentaria VIP”, Feixóo rompe cun ensino universitario igual para todos, público e igualitario, dando luz verde a unha universidade para ricos, segregacionista por renda e por clase social”, denunciou.

Para Pontón, “tras permitirlle un pelotazo coas caixas, agora o PP regálalle a ABANCA unha universidade para que siga facendo negocio, con taxas que oscilan entre os 7.500 e os 11.800 euros anuais”.

Tarifas polas que a portavoz do Bloque interpela ao xefe do Executivo: “cantas familias poden pagarse 30.000 ou 40.000 € só en matrícula para que os seus fillos e fillas estuden na universidade?”, nunha Galiza onde os salarios están por debaixo da media do Estado, “e pregúntolle se pensa que debe formar parte das súas prioridades, en plena crise económica e social, lexislar para unha minoría cando hai tantos problemas que atender”.

A portavoz nacional mantivo un encontro cos reitores das universidades: Manuel J. Reigosa pola Universidade de Vigo, Antonio López pola Universidade de Santiago,  e Julio Abalde pola Universidade da Coruña, neste caso de xeito telemático por cuestións de axenda, na que tamén participou o portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo.

Pontón foi crítica cun presidente da Xunta que, mentres “lle pon a alfombra vermella á universidade privada”, leva doce anos “escatimándolle” recursos ao sistema público.

Desde a chegada de Feixóo ao Goberno, as universidades acumulan un recorte de 440 M€ e hoxe a contía orzamentaria para ensinanzas universitarias está por debaixo dos 385 M€ de 2009. Se tamén se analiza a partida destinada á investigación universitaria, o recorte acumulado entre 2010-2021 é de 386 M€, o que suma un recorte de 825 M€ en doce anos.  “Mentres apadriña unha universidade privada para ricos impulsada por un banco, ao que previamente se lle permitiu dar un pelotazo coas caixas de aforro”, sintetizou.

“A sociedade galega non precisa unha universidade privada para privilexiados só ao alcance dunha minoría, non precisa que o ensino superior se converta nun negocio. O que precisa é reforzar o financiamento do sistema universitario público, ese ao que acceden os fillos e fillas da inmensa maioría das familias galegas”, argumenta.

Precisa recuperarse dunha década de recortes e precisa máis investimento “para que siga sendo unha universidade de calidade, que forme as xeración presentes e futuras, para que sexa punta de lanza da investigación, da ciencia e do coñecemento, que son as bases para unha Galiza verde, sustentable, de vangarda e con futuro”, concluíu.

 

Ana Pontón aposta por reforzar a universidade pública ante un Feixóo que facilita facer negocio tamén coa educación