Ana Pontón: “Si ao pacto de estado con Ferrol, pero con propostas reais e orzamentos en Navantia, sector enerxético e na Ría”

Visita Ferrol
Visita Ferrol

Tacha de “fraude” o anuncio de Feixóo co que quere tapar doce anos de incompetencia sen alternativas para unha comarca farta de anuncios

Medidas: construción naval civil, vincular os parques eólicos a proxectos industriais, centro de I+D+i da enerxía nas Pontes e rexenerar a Ría

Ana Pontón: “Si ao pacto de estado con Ferrol, pero con propostas reais e orzamentos en Navantia, sector enerxético e na Ría”

Pacto de estado por Ferrol si, pero con contido e propostas con concreción orzamentaria no DOG e no BOE, e non unha cortina de fume como a anunciada por Feixóo, porque un pacto de estado para Ferrol que non inclúe a Navantia, nin ao sector enerxético nin a Ría só pode ser considerado como unha fraude a unha comarca en declive económico e social.

Así o trasladaba a portavoz nacional, Ana Pontón, tras a súa visita ao Centro de investigacións tecnolóxicas do Campus de Esteiro. “Hai que dicilo con toda claridade, as solucións para Ferrol non van vir dun pacto de estado-fraude do señor Feixóo para agochar doce anos de incompetencia política nesta comarca”, doce anos que ten como balance o fiasco de PEMEX, o peche de empresas de referencia e miles de empregos perdidos.

“Esta comarca leva décadas sufrindo o desleixo dos diferentes gobernos e para saír dunha situación límite precisa algo máis que un pacto de estado fraude que queda nun titular. O BNG di pacto de estado si, pero resulta chocante que se pode formular unha proposta sen alternativas no ámbito da construción naval civil, no ámbito enerxético e no ámbito da Ría de Ferrol”, argumentou Pontón.

Visita FerrolUn pacto de estado con rigor, con solvencia, conectado co tecido produtivo e con propostas concretas, subliñou a líder nacionalista, que resumiu as que formula o Bloque.

No sector naval, poñer en marcha un complexo integral de construción naval en Navantia que inclúa á construción civil, nun sector “estratéxico” tanto para Ferrolterra como para Galiza.

No sector enerxético, garantir unha transición enerxética xusta nunha comarca afectada de cheo pola descarbonización con medidas que só requiren vontade política: vincular a instalación de novos parques eólicos a proxectos industriais; adxudicar os 1.140 MW que libera ENDESA  a creación de emprego e  crear un centro tecnolóxico de I+D+i de almacenamento de enerxía, que tería na Pontes a localización idónea pola ampla experiencia no sector enerxético.

En relación á Ría, o BNG propón a rexeneración integral dun ecosistema produtivo en situación de colapso pois apenas supón un 10% do emprego de hai dez anos, co que iso implica de perda de postos de traballo ademais dos custes ambientais. “É unha oportunidade de xerar riqueza e emprego apostado por recuperar a Ría e propiciar un sector mar-industria nesta comarca transformando os produtos que se obteñan”, alegou.

“Con estas propostas podemos empezar a falar dun pacto de estado real por Ferrol, con alternativas que deben aparecer no DOG  e no BOE con dotación económica”, indicou, “porque a situación actual non é froito da casualidade senón de decisión políticas que están a fundir seus sectores básicos”.

Neste contexto, “o presidente da Xunta non pode eludir as súas responsabilidades e botar balóns fora porque se hoxe hai menos empregos, máis crise industrial e menos empresas en Ferrol tamén é porque o Goberno do PP non fixo os seus deberes ao longo destes anos e no BNG queremos que esta situación cambie”, concluíu.

Pontón agradeceu aos responsables da Unidade mixta investigación (UMI) a visita e a información de primeira man das liñas de traballo dunha entidade que innova desde a colaboración directa co sector produtivo. “Estou convencida de que o binomio Universidade-sector empresarial, neste caso Universidade da Coruña-NAVANTIA, é a mellor das alianzas para á creación de riqueza e de emprego, apostando pola I+D+i para ganar competitividade e abrir novas oportunidades”, resaltou.

 

Ana Pontón: “Si ao pacto de estado con Ferrol, pero con propostas reais e orzamentos en Navantia, sector enerxético e na Ría”