Ana Pontón: “O 28 de abril é a oportunidade para darlle voz propia a Galiza e frear a involución democrática”

“É o momento de apostar polo BNG porque quedou claro que valía máis un deputado do Bloque coas mans libres que 23 subordinados a Iglesias, Sánchez ou Casado”, proclamou

A portavoz nacional, Ana Pontón, definiu a cita electoral do 28 de abril como unha oportunidade para que Galiza volva recuperar voz propia no Congreso despois de que esta lexislatura demostrase a inutilidade das forzas estatais, que non fixeron máis que afondar a discriminación e  a irrelevancia política deste país.

Por iso, proclamou, “é o momento de apostar polo BNG para defender Galiza,  dar a cara pola nosa xente e frear a involución democrática”, tendo en conta que nos comicios xerais “a decisión a tomar é se queremos ter representantes que dean a cara polos galegos e galegas, se queremos acabar co agravio e coa irrelevancia política”.

Pontón destacou que o Bloque está preparado para enfrontar este proceso electoral e disposto “a ir a por todas” para pasar páxina dunha lexislatura moi clarificadora: “Primeiro o PP de Raxoi, con corrupción e discriminación, e despois o PSOE de Sánchez co apoio de Podemos-En Marea. En ambos casos, Galiza estivo igualmente ausente”, indicou. Por iso é clave recuperar unha voz propia o 28A.

“Os 23 deputados e deputadas elixidos por Galiza non foron capaces de facer valer os lexítimos intereses da nosa xente. Valía máis un deputado do Bloque coas mans libres para negociar a favor dos galegos e das galegas, que 23 subordinados aos intereses de Iglesias, Sánchez ou Casado”, recalcou.

Como última proba da irrelevancia e de agravio, os fallidos orzamentos do Estado, en contraste cos 2.000 M€ de investimento que figuraban cando as contas xerais eran condicionadas pola formación nacionalista.

“Moita xente nestes catro anos botou de menos ao BNG no Congreso, porque cando está, Galiza ten quen a defenda. Estou convencida de que iso vaise notar o 28 de abril, convencida de que van ser as eleccións da recuperación da voz propia en Madrid, as eleccións da recuperación dun pobo que vai ter representantes propios, coma vascos, cataláns, valencianos da man do Bloque”, recalcou.

A cita electoral é tamén unha oportunidade para “abrir un novo ciclo político” e unha oportunidade para “defender a dignidade deste país, que se merece recoñecemento, respecto e un trato digno e xusto. Vivimos momentos de grandes debates e cambios e temos que estar aí, con voz propia, como a nación que somos, porque se van tomar decisións transcendentes sobre o noso presente e o noso futuro. Galiza ten que estar para avanzar, para non quedar atrás como pasou nesta lexislatura”.  

BNG sólido e unido

A líder nacionalista tamén ve na cita electoral unha ocasión de parar a onda de involución democrática impulsada pola extrema dereita co aval do PP. “Que a dereita non ten problema en pactar coa extrema dereita é evidente, son fillos e fillas do mesmo núcleo duro porque as FAES forman parte do PP desde fai moito tempo e resulta moi clarificador que Feixóo se sinta tan cerca desa extrema dereita, define ben quen é”.

“Nós imos estar sempre na defensa dos dereitos dos e das galegas, é o momento de Galiza cun  BNG sólido, forte e unido, imos ir a por todas cunha campaña en positivo, para acabar coa discriminación, coa irrelevancia política e que empecemos un novo ciclo político no que Galiza conte. Este é o compromiso do BNG e o reto que ten por diante a sociedade galega”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG