Ana Miranda: “É de xustiza que se recoñezan os dereitos laborais do colectivo Long Hope en Estrasburgo”

Ana Miranda
Ana Miranda
O BNG presentou diversas iniciativas no Parlamento Europeo en favor dos traballadores que desenvolveron a súa vida profesional en Noruega
Ana Miranda: “É de xustiza que se recoñezan os dereitos laborais do colectivo Long Hope en Estrasburgo”
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, expresa unha vez máis a solidariedade do Bloque co colectivo Long Hope, que esta semana traslada a súa reclamación contra Noruega sobre os dereitos laborais ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo. “É de xustiza que se lle recoñezan os seus dereitos aos mariñeiros que desenvolveron parte da súa vida laboral en Noruega”, subliña ao respecto.

Ana Miranda ten presentado diversas iniciativas na Eurocámara co obxectivo de que a Unión Europea inste aos gobernos de España e Noruega a asinar un convenio bilateral de carácter retroactivo que teña por obxectivo garantir os dereitos dos traballadores afectados, que neste caso afecta a máis de 12.000 persoas ás que a día de hoxe o estado noruegués segue sen recoñecerlles os seus dereitos.

Para a portavoz do BNG en Europa resulta “inadmisible” que a Unión Europea sexa quen de desenvolver convenios bilaterais sobre diferentes asuntos con Noruega, como a libre circulación de mercadorías, pero non en política social. Neste sentido sinala que Noruega non recoñece as pensións de xubilación aos traballadores do mar embarcados nos seus buques até o ano 1994, por carecer da condición de residentes mentres traballaban alí, malia a pagar en Noruega os seus impostos.