PARLAMENTO EUROPEO

Ana Miranda: “É imprescindible visibilizar o traballo das mulleres no mar e a desigualdade das súas condicións laborais”

Ana Miranda Mulleres na pesca
Ana Miranda Mulleres na pesca

O BNG facilita que unha delegación do sector pesqueiro galego participe nas xornadas europeas Mulleres na Pesca

Miranda expresa o pesar do Bloque no Parlamento Europeo e da delegación galega polo naufraxio acontecido en Cíes

Ana Miranda: “É imprescindible visibilizar o traballo das mulleres no mar e a desigualdade das súas condicións laborais”

Na primeira sesión das xornadas europeas Mulleres na Pesca - que se celebra en Bruxelas até o vindeiro mércores-, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, destaca que é imprescindible dar un forte impulso á visibilización do traballo das mulleres no mar -como redeiras, mariscadoras, e traballadoras das conservas e das empresas dos produtos do mar-, e as súas situacións laborais específicas, nas que a desigualdade e a nota predominante.

Para Ana Miranda, este esforzo de visibilización ten que ir acompañado por unha política económica que se reflicta nos vindeiros fondos europeos e que supoña unha mellora efectiva da situación das mulleres neste sector produtivo. Precisamente as integrantes da delegación galega coincidiron na denuncia destas desigualdades nas súas condicións de traballo e na necesidade de loitar para mellorar esa discriminación.

Neste primeiro día das xornadas da Rede Europea de Mulleres da Pesca (AKTEA), a delegación galega mantivo un encontro con mulleres do sector pesqueiro e marisqueiro procedente de diversos países, como Croacia, Chipre, Irlanda, Italia, Reino Unido e Azores. Nesta reunión intercambiaron as diferentes condicións de traballo nas diferentes zonas europeas e o día a día que marcan a súa experiencia laboral e profesional.

Contribución galega

Até o mércores 26 a delegación de mulleres galegas manterá diversas reunións para afondar nestas cuestións, q de xeito que na mañá do martes 25 a xornada se desenvolverá baixo o título “Creación de capacidades-formación: unha introdución ás políticas pesqueiras da UE e os dereitos das mulleres”. Neste marco, as representantes galegas participarán na mesa redonda sobre o traballo das mulleres no sector pesqueiro, as súas dificultades e as súas oportunidades.

Nesta mesa redonda tomarán a palabra as representantes da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca), a Federación Galega de Redeiras O Peirao, -en ámbolos dous casos coa presenza das respectivas presidentas-, a Asociación de Mariscadoras de Carril (Amarcarril), a Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, a Asociación cultural de mulleres do mar de Cesantes (Amarturmar), así como a Asociación de Redeiras Atalaia, de A Guarda.

Xa pola tarde a xornada abordará a relación das políticas da UE e as mulleres na pesca, así como a igualdade de xénero e a política pesqueira. O mércores 26 está previsto a celebración da asemblea xeral da Rede Europea de Mulleres da Pesca (AKTEA), que ten como obxectivo propoñer solucións sobre o trato desigual entre homes e mulleres nas diferentes actividades da pesca, para o cal defende a constitución de equipos de traballo para desenvolver a estratexia de Aktea.

Naufraxio

Ana Miranda expresa o pesar do BNG no Parlamento Europeo e a delegación galega das mulleres na pesca polo naufraxio acontecido hoxe, no que un pesqueiro de Baiona naufragou nas inmediacións das illas Cíes. Lamenta ademais o falecemento dun dos tripulantes, cuxo corpo foi atopado preto da embarcación.