Ana Miranda denuncia que Turquía incumpre as resolucións do Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo

Ana Miranda en Turquía
Ana Miranda en Turquía

A eurodeputada do BNG constata desde o Curdistán o empeoramento da situación do Pobo curdo desde 2016

Ana Miranda denuncia que Turquía incumpre as resolucións do Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo

No marco da participación de Ana Miranda na Asemblea parlamentar conxunta Unión Europea – Turquía, a eurodeputada do BNG trasladouse ao Curdistán, onde continuou a súa denuncia da violación dos dereitos humanos por parte de Turquía, así como as reunións cos partidos e colectivos defensores da democracia.

Ana Miranda explica dende Diyarbakir, capital do Kurdistán turco, que o HDP e outras forzas políticas afíns contan con 10.000 persoas na cadea dende 2016 por que “Erdogan reprime, quere que calen e que non se movan”, denuncia. Segundo sinala a eurodeputada nacionalista, “a situación empeorou considerablemente desde a miña primeira viaxe ao Curdistán, no 2016, cando se celebrou o referendo”.

Para a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG “é moi importante vir para continuar denunciando a situación de represión que vive este pobo”. Ao seu xuízo trátase “dunha obriga moral e política cun Pobo irmán que só busca vivir en paz e defende uns valores democráticos. Necesita a nosa solidariedade”.

Rolda de reunións

Durante o día e medio transcorrido en Diyarbakir, Ana Miranda continuou coa rolda de reunións iniciadas en Estambul con representantes de colectivos e partidos defensores dos dereitos humanos. Neste sentido, mantivo un encontro co colectivo de mulleres kurdas e co Congreso Social Democrático, a organización paraugas dos movementos kurdos, e participou nun acto de honra ao avogado dos curdos e presidente do Colexio da capital curda, Baris Elçisi, no lugar onde asasinado.

Reuniuse asemade co avogado, o irmán e a muller do líder Selahattin Demirtas, líder do HDP encarcerado desde novembro de 2016 e a quen o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo acaba de pedir a Turquía que poña en liberdade. O propio Tribunal de Estrasburgo, que emitiu a sentenza por unanimidade, considera que a actitude de Turquía pon en perigo o sistema democrático e non só os dereitos e liberdades, ademais de vulnerar os dereitos de Demirtas.