Parlamento Europeo

Ana Miranda denuncia que o PP fomenta a fuga de talento de Galiza

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez

A eurodeputada do BNG reunirase coa Comisaria de Demografía para trasladarlle o problema do “brain drain”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia que Galiza segue sendo, nas mans do Goberno do PP, unha fábrica de exportación de talento, polo que defende que é imprescindible tomar medidas para que as e os universitarios e profesionais fiquen na nosa terra. Neste sentido anuncia que trasladará este problema da fuga de cerebros (“brain drain“) á Comisaria de Demografía, Dubravka Šuica, coa que manterá un encontro a vindeira semana en Estrasburgo.

“O PP é especialista en expulsar a mozas e mozos formados nas Universidades galegas e nos centros de Formación Profesional galegos, como leva facendo dende que Goberna, e en non poñer en marcha ningunha medida para captar e reter o talento formado en Galiza”, explica a eurodeputada galega, quen considera que “non pode ser que sigan a falar de mobilidade laboral cando é emigración de profesionais e universitarios clara e evidente”.

Neste sentido, lembra que no 2023 tiveron que marchar de Galiza 7.623 universitarios para traballar fóra mentres que só viñeron con contrato 3.553. “Resulta que o persoal con maior nivel de formación ten que buscar unha saída laboral fóra, posto que en Galiza non atopan as oportunidades laborais que lles permitan desenvolver o seu proxecto vital con dignidade debido a situación de falla de opcións laborais, e a precariedade contractual e vital existentes no noso país”.

Fronte a esta situación, Ana Miranda subliña que o BNG ten “unha aposta clara por un programa de captación e retorno de talento”, tanto no eido da investigación co Plan Retorna do Persoal investigador, como nas propostas de políticas activas de emprego para evitar a fuxida de cerebros.

“Galiza sofre unha sangría demográfica”, engade a eurodeputada do Bloque, xa que segundo o INE, no ano 2023 houbo un 2,7% menos de nacementos en comparación co ano 2022. Ademais, o saldo vexetativo (persoas falecidas en comparación con nacementos) é negativo en 18.611 persoas. “O que debería facer o Goberno galego é desenvolver políticas para reter as profesionais e universitarias en lugar de fomentar políticas non inclusivas e que non combaten o grave problema demográfico que temos en Galiza”, sinala

O dinamismo da mocidade galega, en Bruxelas

“Mostra da visión de ligazón con Galiza, con propostas concretas no eido cultural e investigador, esta fin de semana celébranse en Bruxelas dous eventos moi importantes”, destaca a eurodeputada do BNG. Por unha parte, terá lugar o “I Foro de Investigación Galega no Extranxeiro (FIGaE), organizado por Investigal-Rede Galega pola Investigación, que contará con investigadoras e investigadores de diferentes lugares de Europa e que tratará entre outros temas cuestións como igualdade, internacionalización e carreira investigadora, na que asistirá a eurodeputada do Bloque como público.

Por outra parte, celebrarase a segunda edición do EmigraSon, festival de música en Bruxelas, organizado por mozas e mozos profesionais residentes na capital europea, e que por segundo ano, conta tamén co apoio do BNG a través do grupo parlamentar europeo -mediante un grupo de visitantes-, para apoiar o talento musical galego e a importante riqueza cultural de Galiza.

“E evidente que a mocidade galega no estranxeiro quere participar e ser parte da vida cultural, social e política de Galiza e non podemos ser alleos a esta demanda da Galiza global”, conclúe Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG