Ana Miranda denuncia na Eurocámara que Noruega segue sen recoñecer as prestacións dos mariñeiros galegos

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do Bloque critica que “a mobilidade laboral para os galegos e galegas chámase emigrar”

Ana Miranda denuncia na Eurocámara que Noruega segue sen recoñecer as prestacións dos mariñeiros galegos

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, expresou na sesión plenaria do Parlamento Europeo, no debate celebrado hoxe sobre coordinación europea dos sistemas de Seguridade Social, a preocupación do Bloque polos dereitos laborais das traballadoras e traballadores emigrados e reclamou que sexan recoñecidas as súas prestacións sociais. Ao respecto puxo como exemplo os mariñeiros que desenvolveron parte da súa vida laboral en Noruega, máis de 12.000, que a día de hoxe o estado noruegués segue sen recoñecerlles os seus dereitos.

“A mobilidade laboral para os galegos e galegas chámase emigrar”, denunciou Ana Miranda, quen ademais do caso dos profesionais que cotizaron en Noruega -colectivo agrupado na asociación Long Hope-, mencionou tamén os traballadores galegos e portugueses que día tras día se desprazan entre Galiza ao norte de Portugal, que en moitas ocasións soportan “situacións laborais complexas”, así como os emigrantes retornados de outros estados europeos (e tamén Suíza) aos que non lle son recoñecidas doenzas nin as prestacións sociais e que por riba foron penalizados impositivamente.

A eurodeputada galega recalcou que “a mobilidade laboral no meu país chámase emigrar”, nun esforzo por que a Eurocámara amose sensibilidade cos dereitos sociais e laborais e recolla as demandas dos traballadores. Ao respecto lembrou que ten presentado diversas preguntas parlamentares que instan á Comisión Europea a pronunciarse, diante da falla de intervención nun caso tan grave dos diferentes Gobernos españois.

Long Hope

Precisamente no caso do colectivo Long Hope, Ana Miranda reclamou á Unión Europea a instar aos gobernos de España e Noruega que asinen un convenio bilateral de carácter retroactivo que teña por obxectivo garantir os dereitos dos traballadores afectados. “É inadmisible que a Unión Europea desenvolva convenios bilaterais en materia de pesca ou libre circulación de mercadorías pero non en política social”, criticou. Ana Miranda lembrando que a situación de discriminación deste colectivo xa foi tratada na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo en 2011, pero aínda segue sen solución.

Noruega non recoñece as pensións de xubilación aos traballadores do mar embarcados nos seus buques até o ano 1994, por carecer da condición de residentes mentres traballaban alí, pese a pagar alí os seus impostos. Por outro lado, a desprotección destes traballadores acentuouse xa que o Estado español non computou o tempo de embarque nestes buques para o cálculo de prestacións de seguridade social.