PARLAMENTO EUROPEO

Ana Miranda denuncia na Comisión Europea a vulneración da normativa comunitaria dos eólicos proxectados en Ourense

Ana Miranda
Ana Miranda
BNG alerta que os parques que pretende instalar a compañía norueguesa Statkarft atravesan zonas de gran valor ambiental que precisan protección
Ana Miranda denuncia na Comisión Europea a vulneración da normativa comunitaria dos eólicos proxectados en Ourense

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, trasladou á Comisión Europea a preocupación sobre o proxecto de instalación de tres parques eólicos na provincia de Ourense (e parte de León) por parte da compañía norueguesa Statkarft, que se sitúan na proximidade da Rede Natura. “Estamos vendo con preocupación que o afán desmesurado do goberno por instalar parques eólicos sen control pon en risco zonas de gran valor medioambiental non só en Ourense, senón en todo o país”, sinala.

A respecto dos eólicos previstos en Ourense, para o BNG o problema non só radica na gran potencia dos tres parques proxectados, -Rebordechao, Prada e Barjas, na provincia de León- cun total de 450 megavatios, senón que os tres evacuarían a electricidade na provincia de Ourense, mediante novas liñas de alta tensión de 220 KV construídas nunha lonxitude de 76 quilómetros, aproximadamente, en zonas que precisan protección polo seu alto valor ambiental.

Ana Miranda alerta que estes parques, -igual que o proxectado no Monte das Salgueiras, que afecta aos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica Ponteceso-, se sitúan en zonas moi próximas á Rede Natura e en espazos susceptibles de ser incluídos nesta Rede. En concreto, os previstos na provincia de Ourense se ubican en Zonas Especiais de Conservación Ancares-Courel e Macizo Central. “Non é lóxico o impulso destes parques en zonas naturais de alto valor sen tomar medidas para protexelas, tal e como a Comisión lle pediu no mes de xullo ao Estado español”, advirte.

Segundo denuncia a portavoz do Bloque en Europa, estas actuacións “forman parte do plan de branqueo de enerxías renovables que se pretende facer sen participación pública e incumprindo a normativa europea”. A Directiva europea sobre Hábitats sinala que calquera plan ou proxecto que poida afectar de forma apreciable a un lugar Natura 2000, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans ou proxectos, “ten que someterse a unha axeitada avaliación das súas repercusións no lugar”.

Procedemento de infracción

Tal e como recollen numerosas sentencias é preciso ter en conta “os obxectivos de conservación do lugar e a ineludible necesidade de integrar na valoración a relación da zona onde se ubica o parque eólico co seu entorno inmediato”. Neste sentido, Miranda lembra que o Estado español “xa ten aberto un procedemento de infracción por non cumprir as directrices comunitarias ao non establecer obxectivos de conservación suficientemente detallados e medidas de conservación cuantificadas para as súas zonas especiais de conservación, que no caso de Galiza é baixísimo”.

A portavoz do Bloque en Europa lembra que o parque de Rebordechao contaría con 28 aeroxeradores que afectarían a Laza, Maceda e Vilar do Barrio, mentres que o eólico de Prada tería 31 aeroxeradores situados na Veiga, Carballeda de Valdeorras e O Barco de Valdeorras. Pola súa banda, o de Barjas (León) estaría ubicado no Bierzo, e contaría con 22 aeroxeradores repartidos en Barjas, Oencia, Trabadelo e Vega de Valcarcede. “Están vendendo o rural”, advirte.

Ana Miranda denuncia na Comisión Europea a vulneración da normativa comunitaria dos eólicos proxectados en Ourense