Ana Miranda defende no Parlamento Europeo a tarifa eléctrica galega

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG denuncia que Galiza soporta a luz máis cara de Europa mentres aumenta a pobreza enerxética

Ana Miranda defende no Parlamento Europeo a tarifa eléctrica galega

A eurodeputada do Bloque Ana Miranda, levou ao Parlamento Europeo a necesidade de que Galiza conte cunha tarifa eléctrica propia que poña fin á pobreza enerxética que sofren as familias. Segundo Eurostat, o Estado Español, con Galiza á cabeza ten a luz máis cara de Europa, cun 15% da poboación que non poden satisfacer as necesidades domésticas de acender a luz, lavarse con auga quente ou utilizar a calefacción.

Na súa intervención, Miranda destacou que a enerxía debe ser considerado como un ben común básico e a electricidade debe ter un prezo xusto e estable. “En Europa debemos promover o acceso gratuíto para as familias máis empobrecidas”, sinalou ao tempo que criticou o “negocio” existente no eido da electricidade, no que só saen beneficiados os lobbys das grandes empresas eléctricas, que acadaron uns beneficios o ano pasado de 5.600 millóns.

Neste sentido sinalou que o prezo da luz é fixado con base á cotización horaria da electricidade no mercado dos provedores enerxéticos, acadando en ocasións o prezo de Alemaña, coa diferenza de que alí a renda é moito maior. Ademais, a eurodeputada apuntou a contradición de que que eses aumentos brutais de prezo se producen nun país produtor de electricidade.

“No BNG pensamos que esa subida dos prezos da luz é unha auténtica estafa ás familias e as empresas do noso país. Por iso é imprescindible unha tarifa eléctrica galega”, afirmou. “Non pode ser que a día de hoxe, 180.000 persoas sofren pobreza enerxética nun país que exporta electricidade e desde Europa temos que traballar por mudar esta situación”, engadiu.

Propostas para baixar a factura

Ana Miranda lembrou que o Bloque ten propostas encamiñadas a baixar o prezo da luz que permitirían reducir en 330 euros anuais a factura. Unha delas refírese a creación dunha empresa pública que asuma as presas hidroeléctricas en concas da súa competencia que teñan finalizada a concesión. E por outro lado, o BNG defende a aplicación do IVE súper reducido do 4% en lugar do 21% actual “porque a luz non é un artigo de luxo, senón un ben de primeira necesidade nas casas”.