Ana Miranda: “Bruxelas esquécese da situación demográfica de Galiza nos futuros fondos de cohesión europeos”

Ana Miranda
Ana Miranda

O BNG critica que a recentralización supón que as propostas están elaboradas para aplicar a nivel estatal

Ana Miranda: “Bruxelas esquécese da situación demográfica de Galiza nos futuros fondos de cohesión europeos”

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, continuando a valoración sobre o Paquete de Cohesión europea 2021-2027 presentado onte, criticou este mércores que os criterios dos novos fondos de cohesión non teñen en conta a situación demográfica de Galiza e desta forma “non darán responsa ás necesidades do noso país”.

Segundo Ana Miranda, o criterio demográfico non aparece por ningures no reparto dos fondos entre Estados Membros e de feito a fórmula correspondente aínda non foi publicada, senón só correspondente ao total por Estado Membro. “Que gane o Estado Español non quere dicir que gane Galiza”, defende. 

A eurodeputada do BNG lembra que a situación demográfica está reflectida en Galiza no despoboamento, na emigración da mocidade, na situación de envellecemento e a falla de nacementos. Porén, destaca que o criterio demográfico non figura como obxectivo elixible nin ten partida orzamentaria reservada. Neste sentido critica que segundo a proposta de Juncker, que exista crise demográfica en Galiza “non vai pesar en nada a hora de concederlle os fondos a Galiza. Quedará ao arbitrio de quen goberne en Madrid nese tempo”.

O BNG quere lembrar asemade que o reparto por Estado Membro proposto onte non significa que se aplique do mesmo xeito entre os diferentes territorios do Estado. O Bloque salienta tamén que estes novos fondos europeos “teñen un claro sesgo recentralizador, aínda que se presenten como o contrario”.  

Xestión desde Madrid

Miranda tamén lembra que o novo Fondo Social Europeo (FSE+) esta claramente deseñado para ser xestionado a nivel estatal co apoio dos actores sociais estatais. Tamén acontece así no futuro FEDER, no que o elemento territorial é marxinal ou indirecto e as partidas do FEDER para Galiza van ser xestionadas en parte desde Madrid como xa ten ocorrido no pasado, priorizando pago de autopistas e ampliación de aeroportos centralizados no canto de sanear as Rías galegas, por exemplo”, explica Ana Miranda.

Para a eurodeputada do Bloque, “é moi curioso que no Pleno do Parlamento Europeo de hoxe os populares falen do criterio demográfico cando o goberno galego non pon en marcha medidas para evitar o despoboamento ou para evitar a emigración da mocidade”.