Ana Miranda alerta da falta de consenso no sector pesqueiro sobre a instalación de cámaras nas embarcacións

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG defende a unificación e a simplificación da normativa de seguridade nos Estados Membros da UE

Ana Miranda alerta da falta de consenso no sector pesqueiro sobre a instalación de cámaras nas embarcacións

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou esta mañá na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo sobre a modificación da normativa comunitaria en materia de seguridade no sector pesqueiro. Na súa intervención expresou a oposición do Bloque na instalación de cámaras nas embarcacións de baixura para vixiar o cumprimento do regulamento que prohibe os descartes e subliñou a falta de consenso no sector a respecto da posta en marcha desta iniciativa.

“Entendemos que haxa unha normativa común a todos os Estados Membros no control da pesca porque hai Estados que son verdadeiros piratas pero non estamos a favor na imposición de trámites administrativos aos mariñeiros”, explicou Miranda. “Os mariñeiros están pescar e facer o seu traballo, e non para ser xestores administrativos”, resaltou en relación á pesca de baixura.

Para o BNG cómpre entender que os mariñeiros están dispostos a pescar xa que este é o seu oficio, pero da mesma maneira, non poden recibir como unha carga realizar as tarefas administrativas que lles pode supoñer a modificación da normativa de seguridade. Neste sentido, a eurodeputada galega demandou a simplificación das xestións pertinentes se se quere que levar a cabo con éxito a súa execución.

Pesca artesanal

No tocante á instalación de cámaras, Ana Miranda fixo referencia á complexidade de estabelecer este dispositivo nas embarcacións pequenas da frota pesqueira galega, que só na pesca artesanal está integrada por 4.000 embarcacións “cando as veces non teñen nin espazo para instalar un botiquín, que efectivamente é necesario e obrigatorio”.

“Hai que ter en conta que a instalación de cámaras xera moita discrepancia no sector, en primeiro lugar porque non se falou previamente e en segundo lugar pola súa dificultade técnica”, destacou a deputada do Bloque.

Ana Miranda lembrou que, pese a falta de acordo na pasada lexislatura sobre a definición de pesca artesanal, é indispensable tela en conta á hora de poñer en marcha medidas de control. “No BNG defendemos a modernización dos sistemas de control na pesca, pero sempre e cando se faga contando co propio sector”, subliñou.