Ana Miranda: “Agora Repúblicas representa a barreira contra o franquismo e a loita polos valores democráticos”

Ana Miranda Agora Repúblicas Bilbao
Ana Miranda Agora Repúblicas Bilbao

A candidata ás europeas e eurodeputada do Bloque participou en Bilbao no acto de sinatura da coalición Agora Repúblicas

A eurodeputada e candidata do BNG, Ana Miranda, participou hoxe en Bilbao no acto de sinatura da coalición Agora Repúblicas (Ara Repúbliques e Orain Errepublikak), entre as diferentes forzas políticas que a integran: BNG, EH Bildu, ERC, Andecha, Ahora Canarias e Puyalón. Na súa intervención tras a sinatura, Miranda subliñou que se trata dunha coalición “desde a que loitar contra o fascismo e para defender, se fisuras, a liberdade, os valores democráticos e o dereito a decidir dos nosos pobos”. “Agora Repúblicas é a barreira contra o franquismo”, afirmou.

En concreto, Miranda puxo como exemplo de loita antifranquista a reunión que mantivo este luns pasado coa xuíza María Servini, instrutora da Querela Arxentina, quen este mércores emitiu a citación para que declare o exministro franquista Rodolfo Martín Villa pola súa implicación, entre outros casos, na morte de cinco traballadores durante unha carga da Policía contra unha asemblea de traballadores en Vitoria o 3 de marzo de 1976.

“Temos que loitar contra partidos que abren a porta ao avance do fascismo e a xenofobia e os dereitos das mulleres. Porque somos unha coalición feminista temos que dicir ‘Nin un paso atrás’”, afirmou a eurodeputada nacionalista, para quen a coalición tamén é o soporte idóneo desde o cal defender os sectores produtivos, “opoñéndonos ao desmantelamento das nosas industrias”. De esta forma, en Europa terase que falar tamén dos intereses galegos en pesca e marisqueo, agricultura, saneamento das rías e sector industrial.

Ademais de Ana Miranda, no acto, por parte do BNG tamén participou Rubén Cela; mentres que por EH Bildu estiveron Gari Mujika, Josu Juaristi, Pernando Barrena; ERC estivo representada por Diana Riba e Jordi Solé; por parte de ANDECHA participaron Marcos Fernández, Carme Pérez, Llucía Fernández e Pablo Arboleya; por Ahora Canarias Vicente Quintana, Lucy Rodríguez e Antonio Ordoñez; e por parte de Puyalón Dani Lerín.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG