parlamento europeo

Ana Miranda: “Este 9 de maio a frota galega parou nos portos pedindo que dimita, Comisario Sinkevicius”

EP Plenary session - Oral Question - Towards a strong and sustainable EU algae sector Commission
EP Plenary session - Oral Question - Towards a strong and sustainable EU algae sector Commission
A eurodeputada do BNG interpelou ao titular de Pesca na Eurocámara e denunciou a súa demonización dalgunhas artes pesqueiras

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou na Eurocámara as decisións da Comisión Europea contra o sector pesqueiro galego e europeo e a demonización de determinadas artes de pesca, como o arrastre e a pesca de fondo. “Este 9 de maio a frota galega e europea parou nos portos pedindo que dimita, porque perdeu a confianza e a lexitimidade. Porque un comisario non pode demonizar determinadas artes de pesca sen ter os fundamentos científicos, ambientais e tamén sociais e económicos”, manifestou Miranda na súa intervención.

“Estou de acordo con protexer os ecosistemas mariños, as rías, os mares... mais tamén estou de acordo con protexer os mariñeiros, os pescadores, as mariscadoras, as redeiras, a quen vive do mar”, destacou a eurodeputada nacionalista, quen subliñou que dende Galiza nación pesqueira, “os primeiros interesados en ter ecosistemas limpos son os que viven da pesca e do marisqueo”. Así, asegurou que “sen un ecosistema mariño en bo estado, non hai pesca sustentable, nin económica nin socialmente”.

Para o Bloque, o Plan de acción presentado pola Comisión Europea é “unha declaración política sen base legal” e considera que as medidas que limiten a pesca deben ter unha base xurídica sólida. “Non se pode demonizar a arte de arrastre de fondo sen unha base científica rigorosa e sen analizar o prexuízo económico e social que implica”, salienta Ana Miranda, quen defendeu na súa intervención plenaria integrar o coñecemento empírico dos mariñeiros co dos científicos.

Galiza non practica finning

Por outro lado, a eurodeputada do BNG defendeu na Eurocámara que a frota pesqueira galega non practica finning, é dicir, non cercena as aletas de quenlla nos buques, senón que desenvolve prácticas sostibles, cumprindo a lexislación europea vixente. “Sabe vostede, Comisario, que a frota galega non practica finning?”, dixo Miranda dirixíndose ao Comisario de Pesca, Virginijus Sinkevicius.

“O finning é unha práctica condenable e antiecolóxica”, destacou a eurodeputada do Bloque, quen sinalou que na UE esta práctica está prohibida desde 2013, en virtude do Regulamento (UE) nº 605/2013 1 do Parlamento Europeo e do Consello, Regulamento trasposto ao ordenamento xurídico español mediante a Orde AAA/658/2014, pola que se regula a pesca coa arte de palangre de superficie para a captura de especies altamente migratorias. 

Miranda apuntou que esta frota de palangre de superficie, maioritariamente galega, está suxeita as normas de xestión pesqueira e é a que máis control e regulacións ten, derivados do Apéndice II de CITES (Convenio sobre el Comercio Internacional de Especies de Fauna e Flora Silvestres) e da propia normativa europea.

A eurodeputada do Bloque subliñou que a frota galega comercializa todo o animal de forma totalmente regulada e controlada, de acordo coa normativa vixente e está suxeita a un estrito seguimento e control dos buques e das capturas. Ademais, a comercialización do conxunto do animal é vixiada a través da documentación de descarga e as inspeccións portuarias e cada estado ten que reportar as OROP anualmente o seu “Plan de xestión de tiburóns”. Ademais, salientou que o sector palangreiro galego e a industria transformadora e comercializadora están dando importantes pasos na sostibilidade pesqueira, como é mediante a aplicación do FIP Blues, (Fisheries Improvement Project).

Finalmente, na súa intervención na sesión plenaria, Miranda destacou a importancia que ten para Galiza a recollida de algas, “un recurso natural nutritivo e bo para a saúde”. Considerou que, precisamente, na Galiza danse as “condicións óptimas” para a produción extensiva de algas e que respecte o medio natural

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG