A Alianza Libre Europea apoia as mocións do BNG que denuncian o impacto das eólicas en Galiza e o abusivo prezo da luz

Ana Miranda na asemblea da ALE
Ana Miranda na asemblea da ALE
Ana Miranda e Rubén Cela representan ao Bloque na asemblea da ALE que se celebra en Bruxelas

A Alianza Libre Europea, -integrada por 47 partidos políticos europeos entre os que se atopa o BNG e que celebra en Bruxelas a asemblea xeral correspondente ao seu 40 aniversario-, apoiou por unanimidade as mocións presentadas polo Bloque que denuncian o espolio que os parques eólicos supoñen para Galiza e o abusivo prezo da luz para os galegos e as galegas.

Respecto ao documento referido aos proxectos eólicos, o Bloque pide responsabilidade da UE cara a Galiza porque Galiza “non pode ser unha colonia enerxética”, así como o control da aplicación do dereito europeo pola violación dos espazos ubicados na Rede Natura. “Consideramos que a UE debería estudar a implicación social das enerxías verdes con todas as implicacións no medio ambiente, o modo de vida rural, a afectación ás áreas protexidas e o impacto na agricultura e a pesca”, sinalou a portavoz do BNG en Europa.

Ana Miranda explicou que a produción de enerxía eólica en Galiza caracterízase pola “especulación e a inseguridade xurídica”, entre outros aspectos porque o goberno utiliza a fragmentación artificial de proxectos e liñas de evacuación con pretendidas simplificacións administrativas en beneficio das grandes empresas. Ao seu xuízo, esta actuación non só supón un perigo para manter o medio natural, senón tamén para os propietarios de terreos, “que se atopan nunha situación de absoluta indefensión”.

Directivas europeas incumpridas

Así, son varias as directivas europeas incumpridas, como a 2001/42 / CE, sobre a avaliación do impacto de certos plans e programas sobre o medio ambiente; a 2003/4 / CE, sobre o acceso público á información ambiental; a 2003/35 / CE, polo que se establecen medidas para a participación pública en determinados plans e programas relativos ao medio ambiente; a 2011/92 / UE, sobre avaliación dos efectos proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente; a 92/43 / CEE, sobre conservación de hábitats naturais e de fauna e flora salvaxes; a 2009/147 / CE, sobre conservación de especies salvaxes; e a 2000/60 / CE, a Directiva marco da auga.

No tocante ao prezo da luz, na súa intervención Ana Miranda defendeu que a electricidade é un ben común e que a produción de enerxía “debería beneficiar ás persoas e non as grandes multinacionais e empresas privadas de enerxía”, Segundo resaltou, o aumento de prezo da electricidade no último ano “é unha estafa”, xa que os países produtores de electricidade non están a ser beneficiados na factura eléctrica, senón que a cidadanía das zonas produtoras paga o prezo máis alto da electricidade.

Neste sentido, Miranda apuntou que no segundo trimestre do ano pasado, o Estado español foi o quinto país da UE que máis pagou pola electricidade, polo que o Bloque pide evitar a discriminación no prezo da electricidade nos diferentes territorios de Europa, así como a posibilidade de aplicar medidas en función da situación de cada nación, como por exemplo unha xusta tarificación.

Por outro lado, a asemblea da ALE tamén respaldou a moción presentada por Nueva Canarias, na defensa de medidas urxentes para paliar as consecuencias do volcán de La Palma.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG