Parlamento Galego

Alexandra Fernández urxe á Xunta abandonar a súa política de “brazos cruzados” en materia de vivenda

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

A deputada do BNG pide ao goberno de Feixoo articular unha regulación propia sobre a vivenda baleira e propón unha estratexia múltiple que diferencie as e os pequenos propietarios dos grandes que teñen un fin especulativo

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que acabe coas súas políticas de “brazos cruzados” respecto da vivenda baleira e desenvolva unha estratexia múltiple para converter “a vivenda parada dun banco en vivenda a prezos accesibles”.

Así o asegurou a portavoz nacionalista de Vivenda, Alexandra Fernández, nunha interpelación parlamentaria, na que defendeu a necesidade de que o Goberno do PP faga uso das súas competencias e desenvolva unha política en materia de vivenda atendendo ás singularidades do parque inmobiliario galego, “do modelo territorial que temos e da estrutura da propiedade”.

Neste sentido, avogou por elaborar unha estratexia múltiple que teña en conta os dous grandes sectores de vivenda baleira que predominan no País, o resultante dos procesos migratorios rural-urbano e o que deriva da “especulación”. Así, considerou que preciso ter en conta a diferencia entre a ou o propietario que opta por ter unha vivenda baleira porque a súa única función é puramente especulativa, daquel pequeno ou pequena propietaria que non a pon no mercado “porque non ten recursos para arranxala”.

“Hai que combinar políticas de fomento con políticas disuasorias e impositivas”, afirmou, para incidir na necesidade de desenvolver unha política pensada para responder á realidade urbana galega, “na que se concentra a maior demanda de vivenda en Galiza”. “Galiza ten que ter a súa regulación dunha vez por todas para atacar este problema”, recalcou.

Logo de criticar con severidade as políticas desenvolvidas polo PP neste ámbito de actuación, cun programa de vivenda baleira “que ten o dubidoso éxito de conseguir que se puxesen en aluguer 30 vivendas baleiras en 4 anos” e un programa de rehabilitación de vivenda baleira que prometía outorgar ata 8.000 euros de axuda individual cando a execución desa partida ascendeu en 2020 a só 6.907 euros, a deputada nacionalista reprochou ao Executivo de Núñez Feixóo que a súa nova medida para abordar o estado de abandono en núcleos rurais fose “a de crear unha páxina de anuncios de aldeas en venda” e que hai máis de 5 anos lanzase un censo de vivenda baleira na que é obrigatorio o rexistro das propiedades de entidades de crédito, das súas filiais inmobiliarias ou das entidades de xestión de activos sen que a súa posta en marcha “tivese ningún impacto real”.

“O seu é un fracaso planificado -censurou- estes datos avergoñarían a calquera agás a quen non tivo ningún tipo de interese por conseguir éxito nesta materia”. Nesta liña, recriminou ao Goberno galego que non teña “nin tan sequera unha análise ou unha reflexión sobre como enfocar a mobilización de vivenda” e urxiu á conselleira de Vivenda a actuar: “é o momento de que a vivenda parada dun banco sexa a vivenda a prezos accesibles dun mozo ou unha moza que se independiza”.  

“É o momento de que ese fondo de investimento que acumula centos de vivendas baleiras pague polo custe social, económico e ambiental que nos crea a todas e todos e que con eses cartos se fagan políticas de vivenda que compensen os problemas creados; é o momento de axudar axs pequenxs propietarixs que non poden rehabilitar a súa vivenda para que a reforme poñéndoa logo no mercado a prezos accesibles”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG