parlamento galego

Alexandra Fernández pide contas polos case 800.000 euros que recibe a Igrexa da CRTVG: “Cada misa cústanos 3.886 euros”

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

A deputada do BNG critica a relación de “exclusividade” do Arcebispado de Santiago e a compañía e advirte que os “eventos especiais” páganse a 17.248 €

Censura ademais que a compañía financie ‘Polo camiño da fe’, un programa de “propaganda” que ten un prezo de case 10.000 euros por cada hora de contido

A deputada do BNG Alexandra Fernández pediu hoxe contas ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, polos case 800.000 euros que o Arcebispado de Santiago recibiu do ente público o pasado ano 2022. “A retransmisión de cada misa cústalle aos galegos 3.886 euros, pero nos casos de eventos especiais o prezo chega a alcanzar os 17.248, unha cantidade que claramente parece desorbitada”, advertiu.

No transcurso da Comisión de control a CRTVG,  Fernández debullou o detalle dos nove contratos que constan co Arcebispado no portal de transparencia do ente público. En total, suman un gasto de 758.221,48 euros en favor da Igrexa, por un total de 215 capítulos. Destes, segundo expuxo, sete foron asinados para a retransmisión da Misa, por un valor de 633.421,48 euros e para 163 capítulos.

“Falamos de cartos que saen dos impostos de todos os galegos e todas as galegas”, matizou a deputada, referíndose tamén aos contratos asinados para a emisión do programa Polo camiño da fe, presentado por María José Campo, traballadora do departamento de comunicación da Diocese de Lugo. Neste caso, explicou que o prezo medio de cada capítulo é de 2.400 euros, e por cada hora de contido páganse case 10.000 euros.

“Trátase dun programa de propaganda financiado e emitido polos medios públicos pero que parece máis axeitado para a web ou un canal de You Tube da propia Igrexa”, criticou Alexandra Fernández, ao tempo que subliñou que Polo Camiño da fe está concibido como un espazo de comunicación da propia Igrexa “no que se da conta de eventos como o campamento de verán para monagos, fai promoción de centros como o colexio Miralba pertencente ás Escolas Católicas de Galicia ou trata sobre como axudar á reinserción de penados con medidas alternativas de fe”.

Alexandra Fernández criticou, por outra banda, a “relación de exclusividade” da Igrexa coa CRTVG, que choca co resto da política de externalización da programación que leva a cabo o ente público, aberta a diferentes produtoras. Preguntouse así por que outros axentes sociais, como os sindicatos, non teñen o mesmo dereito de acceso á televisión pública que a Igrexa. “Sería posíbel pagar 17.000 euros a un sindicato por emitir un programa con información de interese xeral como poden ser os dereitos laborais?”, dixo.


 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG