parlamento galego

Alexandra Fernández empraza ao PP a corrixir a política de rehabilitación para favorecer o acceso á vivenda

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
A deputada do BNG considera un “fracaso” o plan Rexurbe, que só serviu para restaurar 18 inmobles en seis anos e “colgar lonas publicitarias”     

A deputada do BNG Alexandra Fernández emprazou hoxe ao Goberno do PP a corrixir a política de rehabilitación para favorecer o acceso á vivenda e criticou que o Plan Rexurbe só teña servido até o de agora para “colgar lonas publicitarias” cando debería ser “unha máquina de creación de vivenda pública”.

Alexandra Fernández defendeu na Comisión 2ª do Parlamento unha proposición non de lei na que se pedía aumentar substancialmente o investimento para a rehabilitación de vivendas nos centros históricos, así como redeseñar o programa Rexurbe tendo en conta os criterios de demanda e cohesión territorial. Na mesma iniciativa, rexeitada polo PP, o BNG propuña a creación dunha rede de oficinas de rehabilitación e un plan de actuación con obxectivos e cronograma concretos.

A deputada nacionalista cualificou de “falsa propaganda electoral” os anuncios feitos polo PP respecto ao Rexurbe, e lembrou que no 2020 os populares prometeron a rehabilitación de 3.000 vivendas nuns 500 edificios. A realidade, censurou, é que segundo os últimos datos ofrecidos pola Consellería “apenas hai 18 inmobles restaurados en toda Galiza baixo este programa, o que nos da unha media de 3 inmobles por ano”.

“Sen investimento suficiente é imposible a adquisición e rehabilitación dos inmobles”, advertiu a parlamentaria, que lamentou que o orzamento destinado a este programa non superase os 10 millóns de euros anuais, cifra máis “ridícula” se se atende ao investimento real. No 2022, asegurou, presupostáronse dez millóns, pero só se chegaron a executar 1,6. Tras criticar a incapacidade do Goberno do PP para “sacar adiante os orzamentos que comprometen”, dixo que “para acadar unhas cifras razoables de vivenda rehabilitada por ano o esforzo orzamentario non pode ser comparable co que poida facer unha cooperativa de veciños”.

Durante a súa intervención na Comisión 2ª, Fernández esixiu tamén unha maior planificación na rehabilitación porque, precisou, “nada se sabe de onde se ten previsto adquirir vivenda, nin en base a que estratexia e criterios”. “O Plan Rexurbe é un plan sen plan”, sentenciou.

A nacionalista subliñou, por outra banda,  que duns 110 inmobles adquiridos dentro deste plan só se teñen rehabilitado 19. E criticou que na xestión do Rexurbe se priorice a función de “dinamizador e promotores do mercado inmobiliario e da construción”, sen asumir que “o obxectivo último e máis importante polo que se realiza o investimento público é o de facilitar o acceso á vivenda”.

“Neste momento hai máis de 16.000 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda e non se xustifica o feito de que a Xunta adquira vivendas que non acaba rehabilitando”, sostivo.

A falta dun plan territorial e de “perspectiva de país” é outro dos problemas que ten o plan da Xunta. Neste momento hai sete áreas declaradas Rexurbe na Galiza, pero o investimento é “moi desigual e arbitrario”. “Que sentido ten que un concello como Mondoñedo teña unha ducia de inmobles adquiridos cando ten en total 41 persoas solicitantes de vivenda protexida, e que unha cidade como Vigo onde a demanda de vivenda pública supera as 6.000 solicitudes non teña ningún investimento para rehabilitar en réxime de alugueiro?”, preguntouse a parlamentaria do BNG. “Claro que Mondoñedo ten que contar con apoio para rehabilitar e conservar o seu patrimonio, pero non se pode obviar que se rehabilitan para converterse fundamentalmente en vivendas”, engadiu. 
 




 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG