O G.p do BNG protesta "amordazado" contra o recorte de dereitos parlamentarios
O BNG presentará un recurso contra a decisión da Mesa do Parlamento de recortar os tempos de intervencións e iniciativas do grupo parlamentario do BNG, ata o remate da lexislatura
O Grupo parlamentario do BNG mostrou hoxe, nas escalinatas da porta principal do Parlamento, a súa rotunda protesta polo recorte de dereitos parlamentarios pactados polo PP e PSdeG e que na práctica suporá restar tempos de intervención e iniciativas ao BNG e AGE ata o final da lexislatura baixo a escusa de que existe outro grupo máis na Cámara, o grupo Mixto.
Durante a protesta, os deputados e deputadas do BNG portaban cartaces baixo o lema, NO PARLAMENTO GALEGO RECORTAN A DEMOCRACIA E A LIBERDADE DE EXPRESIÓN e na boca unha cinta adhesiva para denunciar a mordaza que o PP pretende impoñer nesta institución.
O portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera asegurou que o recorte de dereitos parlamentarios impide que os representantes da sociedade galega poidan desenvolver con normalidade o labor para o que foron electos defendendo alternativas ás políticas do Partido popular que tan ruinosas foron para o noso país.
O BNG esgotará as vías legais contra o recorte de dereitos parlamentarios
Jorquera engadiu que o grupo parlamentario do BNG esgotará todas as vías legais para evitar este recorte de dereitos e liberdades. Unha medida, denunciou que obedece á estratexia do Partido popular para anular políticas alternativas e o noso autogoberno.
Jorquera solicita unha alteración da orde do día do pleno e Pilar Rojo rexeita a petición
Xa dentro do Parlamento e a piques de iniciar a sesión plenaria, o portavoz nacionalista pediu a palabra para explicar que a orde do pleno pode ser alterada pola petición de dous grupos. Neste sentido, confirmou que o BNG e AGE solicitaron que constara en acta a protesta polo acordo da Mesa do Parlamento sobre a nova programación de traballo para este período de sesións. Dado que esta decisión, explicou, vulnera o respecto e os dereitos dos grupos parlamentares a través dun acordo que incumpre a obriga de escoitar á Xunta de Portavoces. O BNG amosa a súa rotunda protesta e anuncia que presentará todos os recursos necesarios contra a mesma.
A presidenta da Mesa, Pilar Rojo respondeu que a cuestión formulada por Jorquera non formaba parte da orde do día .